As sete cidades galegas suman case 90 mil vivendas baleiras

Vivendas baleiras nas cidades galegas, segundo o censo de 2011 Dominio Público Praza Pública

En 2011 había case 300 mil vivendas baleiras en Galicia, segundo datos do Censo publicado ese ano. As sete cidades galegas sumaba case 90 mil, encabezadas pola Coruña (19.283), Vigo (18.588) e Ourense (14.561), aínda que outros concellos como Vilagarcía, Arteixo, Ames, Ribeira, Carballo, Foz, Lalín, Narón ou Culleredo rexistraban cada un máis de tres mil inmobles deshabitados.

Nos datos chamaba a atención que unha porcentaxe moi importante desas casas, unha de cada catro (máis de 75 mil) tiñan menos de dez anos de antigüidade. Outros 52 mil foran construídos nos 80 e 90. E 42 mil precedían da outra décadas de intensa actividade inmobiliaria, os 70.

Esta estatística permitía comprobar o intenso ritmo construtor nalgunhas localidades en tempos recentes. Por exemplo, máis da metade das vivendas de Ames (8.227 de 16.176) tiñan naquel momento menos dunha década de antigüidade. E a porcentaxe chegaba ao 59% en Barreiros, ao 55% en Maceda ou ao 65% en Ponte Caldelas.

Neste mapa pode observarse a porcentaxe que en cada concello representan as vivendas deshabitadas. Malia a súa importancia cuantitativa non son as zonas urbanas as que rexistran un maior peso relativo dos inmobles baleiros, senón concellos rurais como Porqueira, Castrelo de Val ou Melón, nos que ao redor do 40% das vivendas están desocupadas, seguramente por un fenómeno de despoboación desas zonas. 62 concellos tiñan en 2011 máis dun 25% de casas baleiras. E entre as cidades destacan Ourense, Lugo e Ferrol, que roldan o 20%.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.