As traballadoras de Cuca esixen a execución da sentenza do TSXG, que a empresa non acata

Concentración das traballadoras de Cuca ante a factoría © CCOO

Hai dúas semanas unha sentenza do TSXG anulaba definitivamente o ERE presentado hai un ano na conserveira Cuca e tamén o traslado e desmantelamento da factoría de Vilaxoán. As traballadoras, obrigadas dende hai meses a desprazarse ao Grove, déronlle a Garavilla, empresa propietaria de Cuca, unha marxe de dez días (o mesmo prazo que tiña para recorrer o fallo) para anunciar a reapertura da planta de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa). Porén, Garavilla nin recorreu nin tampouco acatou a sentenza, polo momento. Pola contra, realizoulles ás traballadoras unha contraoferta, para evitar reabrir a factoría orixinal

A empresa ofrece proporcionarlles ás empregadas a partir do 10 de febreiro un transporte gratuíto entre Vilaxoán e O Grove, no que, ademais, o tempo de viaxe de ida e volta sería contabilizado dentro da súa xornada laboral. O comité de empresa de Cuca, reunido este luns, rexeitou frontalmente este plan e esixiulle novamente que Garavilla cumpra a sentenza, que a obriga a poñer de novo en marcha a cadea de produción en Vilaxoán. Hai días este grupo de mulleres xa anunciara que iniciaría "mobilizacións" se a empresa non acataba a sentenza. De momento, o que fixeron foi elevar á administración de Xustiza a súa demanda de que se cumpra o fallo. 

O comité de empresa de Cuca, reunido este luns, rexeitou frontalmente o plan da empresa e esixiulle novamente que Garavilla cumpra a sentenza, que a obriga a poñer de novo en marcha a cadea de produción en Vilaxoán.

O convulso pleno municipal de Vilagarcía debateu este luns esta cuestión a través dunha moción presentada por Esquerda Unida, que instaba o Concello a esixirlle á empresa a execución da sentenza. Ademais, a moción denunciaba que o Concello non puxera en marcha a comisión de seguimento do caso, aprobada en xuño. A moción foi aprobada, mesmo cos votos dos grupos que sustentan o goberno municipal (PP e IVIL), e nela o Concello "insta a empresa e o conxunto de administracións a facer cumprir a sentenza xudicial". O alcalde, Tomás Fole, afirmou ter "interese e competencia en solicitar unha xuntanza coa empresa para que nos aclare a situación", unha proposta que para Juan Fajardo (EU) "chega moi tarde".

Nos últimos meses, ademais dos prexuízos que o traslado da produción ao Grove lles está xerando ás traballadoras, o persoal denunciou, igualmente, que a pesar de que a empresa lles asegurou que no Grove continuarían realizando a produción artesanal da marca Cuca, a realidade, segundo CC.OO., é que as traballadoras foron inseridas no proceso de produción de conserva industrializada doutra marca da empresa. Francisco Vilar, de Comisións, denunciou a este respecto os plans de Garavilla, grupo propietario de Cuca, para externalizar a producción da conserveira a terceros países, sinalando que as traballadoras de Vilaxoán se dedicaban no Gorve á limpieza de atún para Isabel. “Está clara a estratexia da empresa, que non apostou nunca por Cuca", denunciaba Vilar.

A fábrica de Cuca, en Vilaxoán CC-BY-SA Pontevedra Viva
Concentración das traballadoras de Cuca ante a factoría © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.