Así fornece Galicia crédito bancario ao resto do Estado

Billetes de diversos valores © FNMT

A apertura da alcumada como "billa do crédito" vén sendo un dos lugares comúns aos que máis reiteradamente se alude dende o inicio da crise económica, comunmente situado entre 2007 e 2008. No caso do Estado español a necesidade de financiamento para familias e empresas formou parte dos argumentarios que sustentaron, entre outras operacións, a reestruturación do sector financeiro, o seu rescate en 2012 e algúns dos seus fitos máis senlleiros, como a bancarización das caixas de aforro. No caso galego ningunha destas medidas serviu para reactivar o crédito. Ben ao contrario, os cartos que as entidades financieras prestan no país caen sistematicamente dende mediados de 2010, ano do fin das caixas galegas. Mentres, os fondos que a poboación galega ten depositados nos bancos seguen a incrementarse, o que fai que Galicia sexa, cada vez en maior medida, fornecedora neta de crédito para o resto do Estado.

Segundo o Banco de España no remate do terceiro trimestre de 2014 a poboación galega tiña depositados nas entidades bancarias algo máis de 57.300 millóns de euros, un 20% máis que no primeiro trimestre de 2008, no inicio da crise. Naquela altura os créditos bancarios en territorio galego ascendían a algo máis de 66.300 millóns de euros, case un 50% máis que os 44.800 millóns rexistrados polo regulador en setembro do ano que vén de rematar. Nese momento unicamente tres autonomías máis: Euskadi, Castilla y León e Asturias, se atopaban nunha situación como a galega, con máis depósitos que créditos bancarios.

Cando, no segundo trimestre de 2010, o crédito bancario tocou teito en Galicia superaba os 72.000 millóns de euros, mentres que os depósitos, que tamén viñeran experimentando subas sistemáticas durante lustros, roldaban os 55.000 millóns. Dende ese momento os préstamos comezaron o seu desplome e os depósitos tamén caían, aínda que a un ritmo moito menor e, sobre todo, durante moito menos tempo. Así, os depósitos detiveron a súa caída no outono de 2012 e a comezos de 2013 volveron subir.

A fenda entre créditos e depósitos supera xa os 16.000 millóns de euros

A combinación dese inicio da recuperación dos depósitos coa caída sostida do crédito provocou nesa primavera de 2013 que Galicia pasase a gardar nos bancos máis cartos do que estes lles prestan a familias e empresas. Nese momento a diferenza a favor dos depósitos foi duns 1.000 millóns de euros, fenda que continuou aumentando nos seguintes trimestres. Deste xeito, a finais de 2013 os depósitos galegos superaban nuns 5.000 millóns os créditos e o pasado marzo a diferenza era xa duns 9.000 millóns. Á espera de coñecer o dato do peche de 2014, a información máis recente do Banco de España indican que a fenda supera xa os 16.000 millóns.

Vendas, menos oficinas e menos emprego

O incremento de depósitos e a mingua paralela do crédito produciuse nos anos nos que o sistema financeiro galego desapareceu como tal. Así, o pasado xuño o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), isto é, en última instancia, o Estado, culminaba a venda de Novagalicia Banco, entidade herdeira dos restos das antigas Caixa Galicia e Caixanova. O banco venezolano Banesco puxo sobre a mesa 1.003 millóns de euros para facerse co control dunha entidade que fora rescatada con máis de 9.000 millóns de euros públicos e que converteu en Abanca, empresa na que tamén integrou o que noutrora fora un banco con sede en Betanzos, o Banco Etcheverría. Un anaco da herdanza das caixas, EVO Banco, xa fora previamente vendida.

As entidades bancarias recortaron unha cuarta parte das súas sucursais en Galicia e desfixéronse de arredor do 30% do seu persoal

Igual que o Etcheverría tamén era galego e estaba participado pola desaparecida Novacaixagalicia -en orixe, por Caixanova- o Banco Gallego, mercado polo Banco Sabadell. Asemade, o histórico Banco Pastor pasou a ser propiedade do Banco Popular, aínda que vén mantendo a súa marca comercial no país.

Como consecuencia de todos estes movementos o territorio galego perdeu un número nada desprezable de oficinas de entidades financeiras, sobre todo de caixas de aforro. Concretamente, no ano 2010 o territorio galego contaba con 2.414 sucursais e a finais de 2013, último dato dispoñible no Instituto Galego de Estatística, eran pouco máis de 1.800. Consecuentemente con esta redución de case unha cuarta parte das oficinas os cadros de persoal tamén minguaron. Nesta liña, as persoas cotizantes á Seguridade Social no ámbito dos servizos financeiros reducíronse en case un 30% en apenas cinco anos, pasando de 14.430 en 2009 a 10.230 en novembro do pasado 2014.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.