BNG e EU culpan o PP do "fracaso" da chegada de Beijing 3 e Pemex ao porto exterior da Coruña

Porto exterior da Coruña CC-BY-SA Ramon Piñeiro

Este martes coñecíase que a prometida instalación da petroleira mexicana Pemex no Porto Exterior da Coruña sufrirá canda menos un atraso de dous anos, establecendo a posible data para o 2016-2017, mentres que a empresa chinesa Beijing 3E paraliza igualmente a súa intención de instalar unha planta de xeración de enerxía en base á reciclaxe de aceites cun investimento duns 270 millóns de euros, unha paralizazación que pode acabar incluso en descarte definitivo. Estas dúas novas espertaron as críticas de BNG e EU, que culparon o Partido Popular do "fracaso".

O Grupo Municipal do BNG lamenta que o PP utilizara electoralmente a creación de postos de traballo vinculados á suposta chegada da empresa chinesa Beijing 3 de Pemex ao porto exterior, "un anuncio que resultou ser un fracaso monumental do partido do Sr. Negreira". Segundo os nacionalistas, "evidénciase que o alcalde mentía cando declaraba que A Coruña se convertiría nun centro de enerxía estratéxico". Para o BNG, "o fracaso da operación representa un síntoma do desastre da política industrial do Partido Popular, unha política nefasta e de mentiras que destrúe os sectores produtivos e numerosos postos de traballo na comarca e na cidade". O BNG sinala que "é fundamental a conexión ferroviaria do porto exterior, unha conexión que o Goberno central mantén no esquecemento".

Pola súa banda, Esquerda Unida responsabiliza da reticencia das empresas a instalarse en Langosteira ás "políticas economicidas" do PP. O grupo municipal de EU considera que o motivo fundamental das decisións de Pemex e Bejing 3 é "a falta de investimento para as conexións terrestres do porto exterior". O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que ”as empresas non se instalaran no porto exterior até que todas as infraestruturas estean dispoñibles. Agora comprobamos o dano que fixeron os presupostos xerais do estado, aplaudidos polo goberno municipal”.

Porto exterior da Coruña CC-BY-SA Ramon Piñeiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.