Bruxelas aproba o novo 'tax lease' e dá aire ao naval galego

Estaleiros de Navantia Fene-Ferrol © Navantia

A Comisión Europea autorizou este martes o novo sistema de bonificacións fiscais proposto polo Goberno español e que favorecerá o sector naval. A UE, que lle dá o visto e prace sen condicións ao novo tax lease, considera que non implica axuda pública ningunha, ao non favorecer unhas empresas fronte a outras.

"Logo dun longo proceso de discusión, puidemos aprobar un novo réxime de arrendamento financeiro compatible coas normas de axudas de estado da UE, sobre a base das últimas propostas presentadas polas autoridades españolas", asegurou o vicepresidente e responsable de Competencia, o español Joaquín Almunia, que aclarou que o novo réxime "non é selectivo e permitirá responder en particular ás preocupacións do sector naval español sen falsear a competencia no mercado único europeo".

O sistema de bonfiicacións para o naval leva en suspenso 17 meses

O sistema de bonificacións para o sector naval leva en suspenso xa 17 meses debido a unha denuncia ante Competencia de estaleiros holandeses, á que despois se sumaron países como Alemaña e Noruega. A paralización destas bonificacións fiscais ten provocado uha parálise na contratacón do sector naval galego, especialista en ferrys e offshore.

O novo réxime permite deducir fiscalmente o custo de activos adquiridos mediante arrendamentos financeiros desde o inicio da súa construción

Agora, o novo réxime notificado permite deducir fiscalmente o custo de determinados activos adquiridos mediante arrendamentos financeiros desde o inicio da súa construción, sen agardar a que sexan explotados comercialmente, tal e como explicou o Executivo comunitario. Deste xeito, complementa a posibilidade xa existente de acelerar a dedución deste custo en función dos pagos efectuados no marco dun arrendamento financeiro.

O sistema de bonificacións "aplícase a todos os tipos de bens de investimento materiais adquiridos mediante arrendamentos financeiros, sempre que estean fabricados segundo as especificacións técnicas do comprador -quedan excluídos, por tanto, os produtos que poidan fabricarse en serie-, e que precisen dun período de fabricación dun ano como mínimo".

"Aplícase por igual aos bens fabricados fóra de España e aos fabricados en España. Ademais, a medida é de aplicación automática e non está suxeita á aprobación previa da administración fiscal", apuntou a Comisión, que aclarou tamén que a decisión non paraliza a investigación en marcha sobre se o anterior réxime incluía axudas públicas ilegais.

Estaleiros de Fene e Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto
Manifestación do naval en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.