Bruxelas non cre as previsións de España e pinta negro o seu futuro

De Guindos e Rajoy, na Zarzuela © Goberno de España

Bruxelas esnaquiza as previsións de España e pinta un panorama terrible para a economía do Estado. Así, a Comisión Europea prevé que a economía española decrecerá un 1,4% neste ano e un 1,4% adicional en 2013 -fronte á contracción do 0,5% que calcula o Goberno- debido ao aumento do paro, que chegará ao 26,2% o ano que vén; o desenbedamento do sector privado; as medidas de axuste orzamentario e a restrición do crédito.

A economía española decrecerá un 1,4% neste ano e en 2013, fronte ao descenso do 0,5% que calcula o Goberno

Bruxelas ten claro que só en 2014 se produciría unha "mellora gradual" da economía, cun crecemento do 0,8%, o que non chegará no entanto para reducir o paro, xa que se manterá tamén nese ano por riba do 26%.  As previsións económicas de outono da Comisión Europea, publicadas este mércores, agoiran que España incumprirá os obxectivos de redución de déficit pactados coa UE os vindeiros tres anos.

Todo malia as duras medidas de axuste e recortes aprobadas polo Goberno de Mariano Rajoy e as comunidades autónomas. O déficit situarase este ano no 8% do PIB -o 7% se se descontan as axudas á banca-, lonxe do obxectivo do 6,3%. Para o ano que vén, Bruxelas calcula un déficit do 6% (en lugar do 4,5%), mentres que en 2014 volverá subir até o 6,4% (en lugar do 2,8%) debido a que caduca a suba do IRPF. Os datos fan prever novas medidas de austeridade por parte do Executivo do PP se se queren cumprir coas esixencias europeas.

O déficit subirá ao 6,4% en 2014, fronte ao obxectivo do 2,8% ao que aspira o Executivo

A Comisión é clara e denuncia que "a consolidación fiscal apenas avanzou durante os primeiros oito meses de 2012" e que a caída de ingresos, o pago dos intereses da débeda e o aumento de transferencias sociais "case contrarrestan" os aforros logrados cos recortes. O Executivo comunitario si espera unha maior consolidación fiscal grazas á entrada en vigor da subida do IVE e dos recortes aprobados nas comunidades autónomas. No entanto, en 2013, as medidas previstas nos orzamentos e nos plans rexionais só permitirán unha rebaixa do déficit do 1% do PIB.

En 2014 -ano en que vence o prazo que a UE deu a España para situar o seu déficit por baixo do 3%- a expiración da suba do IRPF aprobada por Rajoy o pasado decembro "practicamente contrarrestará a consolidación prevista incluída no plan orzamentario 2013-2014". Ademais, Bruxelas avisa de riscos á baixa porque aínda se descoñece canto diñeiro necesita a banca e porque podería haber unha maior caída de ingresos.

Os fortes déficits públicos, a contracción do PIB e o aumento dos custos de financiamento do Estado provocarán que o nivel de débeda se dispare desde o 69,3% en 2011 ao 86,1% este ano, o 92,7% en 2013 e o 97,1% en 2014.
 

Destrución de emprego

Ademais, o Executivo comunitario eloxia a reforma laboral por introducir unha maior flexibilidade pero avisa de que "debido á actual debilidade da economía española e ao relativamente curto período desde a súa entrada en vigor, pode custar algún tempo antes de que os seus primeiros efectos positivos se manifesten". Xa que logo, a taxa de paro situarase de media no 25,1% este ano, no 26,6% en 2013 e só baixará até o 26,1% en 2014. A destrución do emprego e os dramas sociais en España non teñen pinta de desaparecer, senón todo o contrario.

"O axuste no emprego lévase a cabo coa redución do número de traballadores, máis que recortando as horas traballadas", advirte Bruxelas a España

"Até o de agora, o axuste no emprego continúa levándose a cabo a través da redución do número de traballadores máis que recortando as horas traballadas", sinala Bruxelas. Ademais, "está a afectar agora ao emprego fixo tanto como ao temporal" e "a todas as ramas de actividade" e aumenta o paro de longa duración, que xa supón o 50%.

Tanto o consumo privado como o investimento seguirán caendo este ano e o que vén debido ao alto paro, as malas perspectivas económicas e o proceso de desendebedamento. O axuste nos prezos da vivenda (que acumula un 28% en termos reais e un 36% en termos reais desde o seu pico en 2007) proseguirá "debido a que queda un gran número de casas non vendidas".

A inflación manterase alta polo menos até finais de 2013 debido ao impacto dos prezos da enerxía, a subida do IVE, o copago farmacéutico e o aumento das taxas universitarias. Bruxelas prevé de media unha inflación do 2,5% este ano, o 2,1% en 2013 e o 1,3% en 2014.

O único factor positivo que recollen as previsións de Bruxelas é o crecemento das exportacións que "seguirá sólido e aumentará de ritmo tras un 2012 algo máis feble". España seguirá aumentando a súa cota de mercado mundial e logrará un superávit na súa balanza comercial xa en 2012. O déficit por conta corrente podería así corrixirse o ano que vén, aínda que a Comisión alerta de que a dependencia enerxética e os intereses da débeda ameazan esta perspectiva.

En canto ao rescate, o Executivo comunitario cre que o rescate bancario de até 100.000 millóns de euros concedido pola UE terá "un impacto positivo na estabilidade do sector financeiro en España". "No entanto, a curto prazo o necesario axuste nos fluxos de crédito tras o estalido da burbulla do sector da construción manterá limitados os fluxos de crédito á economía real, contribuíndo á debilidade do consumo privado e o investimento", admite.

Polo que se refire á crise de débeda, Bruxelas di que o anuncio por parte do Banco Central Europeo (BCE) do seu novo programa de compra de débeda reduciu a presión sobre España. Pero "a incerteza mantense elevada e as condicións de financiamento están sometidas a unha tensión considerable".

Mariano Rajoy, no Congreso © La Moncloa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.