Bruxelas pedirá a España que elimine uns 2.700 organismos autonómicos

Fabra, presidente da Generalitat Valenciana, entre González-Pons, Rajoy e Barberá © PP

Bruxelas pide máis e agora pon os ollos nas autonomías. Malia que os duros recortes aplicados polo Goberno de Mariano Rajoy hai tres semanas foron ben recibidos, a Comisión Europea ten pensado esixir ao Estado que suprima 2.700 organismos autonómicos, unha petición que chegou ao Executivo hai xa tempo, pero que aínda non se cumpriu.

A Comisión considera "prescindibles" as televisións autonómicas, as embaixadas e varias empresas locais

Entre os obxectivos "prescindibles" para Bruxelas, as televisións autonómicas, as embaixadas rexionais e varias empresas locais que dan soporte a concellos, consellerías e deputacións en diversas comunidades. En canto ás canles públicas, o PP xa ten pensada a privatización ou incluso eliminación dalgunha delas, cando non o seu recorte brutal, como no caso da televisión pública valenciana.

E Rajoy colle a luva de Bruxelas. O pasado luns, xa na xuntanza que mantivo cos seus baróns autonómicos, o presidente do Goberno deixou claro que habería que recortar, tanto en organismos como en deputados, seguindo así as teses do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que recibiu o visto e prace por parte dos presidentes autonómicos do PP á súa idea de reducir os deputados das cámaras rexionais.

Ademais, a eliminación destes "entes, sociedades e organismos autónomos" que sexan considerados de escasa importancia é unha das condicións que pon o Goberno a aquelas autonomías que se acollan ao fondo de liquidez, como o caso da Comunitat Valenciana ou Catalunya.

Fabra, presidente da Generalitat Valenciana, entre González-Pons, Rajoy e Barberá © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.