Cada familia pagará 500 euros máis ao ano pola suba do IVE

Esperanza Aguirre sostén un dos cartaces da campaña masIVAno © PP

Segundo as estimacións da OCU, baseadas nos últimos datos da enquisa de presupostos familiares elaborada polo Instituto Nacional de Estatística, o anuncio de suba do IVE do 18% ao 21% no tipo xeral e do 8% ao 10% no tipo reducido feito público este mércores, suporá de media un incremento do gasto anual de cada familia de aproximadamente 415 euros. A Confederación Española de Organizacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios (CEACCU) vai máis aló nos seus cálculos e sitúa este incremento nos 600 euros.

CEACCU indica que, aínda que se mantén o IVE superrreducido no 4%, e non afectará a parte dos produtos básicos, a suba do tipo reducido do 8% ao 10% suporá un incremento no custe de alimentos como carnes, pescados ou conservas. Tamén no custe do transporte, que sufrirá ese aumento de dous puntos, e incrementará o gasto medio anual en aproximadamente 68,15 euros. En ocio, espectáculos e cultura, así coma en hoteis, bares e restaurantes, pagarase un 10%, cun gasto medio anual incrementado en 36,59 euros e 50,30 euros respectivamente. Finalmente, as subas de prezos en combustibles, roupa, calzado, comunicacións e outros gastos, aos que se lles aplica o tipo máximo, teñen como resultado ese ascenso de case 600 euros anuais que denuncia a CEACCU.

A OCU denuncia que esta suba vai supor un freo ao consumo das familias, "moi afectadas xa polos efectos da crise"

A OCU denuncia que esta suba vai supor un freo ao consumo das familias, "moi afectadas xa polos efectos da crise". De igual xeito, a CEACCU considera "negativo, contraproducente e inxusto" o incremento dos impostos indirectos e anticipa un efecto negativo no consumo e a economía, especialmente nas familias cun menor poder adquisitivo, para as que o esforzo será "moito maior". Pola súa banda, Consumidores en Acción a suba merma substancialmente o xa en por sí reducido poder adquisitivo dos cidadáns, "que ademais teñen que facer fronte a medidas coma a redución da prestación por desemprego ou a eliminación da paga extra aos funcionarios".

 

Un freo á recuperación da economía

A suba do IVE, tanto do tipo xeral coma do reducido, entrará en vigor o vindeiro 1 de agosto

A suba do IVE, tanto do tipo xeral coma do reducido, entrará en vigor o vindeiro 1 de agosto. A meirande parte dos expertos, mesmo os máis optimistas ou os que apoian a medida, asumen que a medida terá un efecto inmediato de contracción do xa limitado consumo e que a curto prazo dificultará a recuperación da economía. Outros cren que a medio ou longo prazo o consumo poderá recuperarse, a custa da diminución do poder adquisitivo dos cidadáns, aproveitando o chamado efecto amnesia, é dicir, a perda de referencias por parte do consumidor, que co tempo volve consumir o mesmo, a un prezo maior, aínda que a súa renda dispoñible non subira.

A medida tamén foi criticada polos produtores, asociación de comerciantes ou hosteleiros, que temen ese descenso do consumo ou unha redución da súa marxe de beneficio. Os empresarios do sector turístico eran os máis preocupados nas últimas semanas pola posible entrada en vigor da medida este verán. O presidente balear, o popular José Ramón Bauzá, chegara a prometer que o turismo se salvaría da suba, algo que xa foi desmentido.

Tamén protestaron os autónomos, que denuncian que a suba dificultará o obxectivo de reducir o peso da economía mergullada

Igualmente, os sindicatos gandeiros denuncian o incremento dos seus gastos en pensos (agora cun tipo do 10%), enerxía e combustible (agora no 21%),  que se une a unha situación de prezos baixos dos produtos agrarios. Tamén protestaron os autónomos, que denuncian que a suba dificultará o obxectivo de reducir o peso da economía mergullada e mesmo os construtores e inmobiliarias, que xa solicitaron unha "moratoria" á aplicación da medida na compravenda de vivendas para contribuír a reducir o stock de pisos pendentes de venda de inmobiliarias e bancos.

 

O IVE español supera a media da zona euro

Con esta suba, o tipo xeral do IVE que se aplica en España sitúase por riba da media da zona euro (20%) e iguala a media da UE (21%), aínda que hai que ter en conta o distinto poder adquisitivo dos cidadáns duns e doutros países. En calquera caso, o IVE español supera ao de Alemaña (19%), Francia (19,6%) e Reino Unido e Holanda (20%) entre os grandes países de la UE e sitúase ao mesmo nivel que o de Italia e Bélxica. Queda por debaixo, iso si, do que se paga en Hungría (27%), Suecia e Dinamarca (25%), Romanía (24%), Portugal, Irlanda ou Grecia (23%).

 

Unha promesa incumprida polo PP

Rajoy dixo en 2010: "nun momento no que se trata de vender e de aumentar o consumo, decide subir os impostos ao consumo" e concluíu: "é un disparate en tempos de crise subir os impostos ao consumo".

Con esta suba, o Partido Popular racha de novo unha das súas promesas electorais (e posteslectorais) máis repetidas. Neste caso, a contradición é moito máis evidente, despois de que non só criticasen a suba aprobada polo goberno de Zapatero do 16% ao 18%, senón de que mesmo organizasen unha campaña pública contra ela. En 2010 o actual ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, expresaba ante esa suba "o non máis rotundo e máis firme, por ser prexudicial para a crise económica e para a recuperación do emprego, por ser ineficaz e profundamente inxusto". Na campaña masIVAno o PP mesmo chegou a organizar actos públicos, crear unha páxina web específica e acusar a Zapatero de subir o IVE pola súa "inoperancia". Rajoy dixera: "nun momento no que se trata de vender e de aumentar o consumo, decide subir os impostos ao consumo" e concluíra: "é un disparate en tempos de crise subir os impostos ao consumo".

Porén, foi o propio Montoro o encargado hai uns días de anticipar a suba confirmada hoxe. Xustificou a suba culpando á economía mergullada e afirmando que "se o IVE o pagasen máis quen o teñen que pagar, non habería que subilo tanto", deixando caer ademais que, en último termo, a única culpable da decisión é a propia cidadanía. Hoxe foi o propio Mariano Rajoy o que recoñeceu na tribuna do Congreso que en varias ocasións afirmara que non subiría o IVE, pero que, coma noutras medidas non tiña "elección". Mesmo Esperanza Aguirre afirmou este mércores que non apoia a medida, pero que "non hai máis remedio".

O consumo da meirande parte das persoas verase afectado © Olga Berría
Esperanza Aguirre sostén un dos cartaces da campaña masIVAno © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.