Caixa Rural Galega é unha cooperativa de crédito, non unha caixa de aforros. Unha mostra de que existen outras maneiras de xestionar o aforro dos clientes minoristas e que revirten nuns mellores resultados en canto á solvencia, á morosidade ou á captación de pasivo. A entidade con sede en Lugo vén de facer públicos os seus resultados correspondentes a 2011. Malia á caída do beneficio, inferior ao 10%, a ratio de capital e a inversión crediticia melloraron durante o pasado exercicio.
Caixa Rural duplica a ratio de solvencia de Novagalicia Banco
Amais do seu risco inmobiliario, as dúas cousas que máis favoreceron a privatización das caixas españolas foron a ausencia de investidores privados relevantes no seu capital e a excesiva dependencia do financiamento maiorista. Se cumplían estes dous puntos as caixas debían elevar a súa ratio de solvencia ao 10% (dez euros líquidos de cada cen). O doble, por exemplo, que o que requerían as probas de esforzo á banca europea. A dependencia do mercado maiorista serviu, mentres funcionaba, para sufragar unha expansión que foi, nalgúns casos, moderada. Se unha entidade pequena, como é o caso de Caixa Rural, sufraga a súa actividade só cos depósitos dos clientes non se expón a un endebedamento que a limite, aínda a costa de non poder permitirse un crecemento exponencial.
Caixa Rural opera así. Co pasivo que capta financia a súa actividade. Os depósitos aumentaron un 2%, e o investimento crediticio outro 10%. De aí que a súa posición de liquidez e solvencia non requiran desta entidade a acometida de medidas como unha integración.
A dependencia do mercado maiorista serviu, mentres funcionaba, para sufragar unha expansión moderada do negocio
Os datos
Tal e como apuntou a empresa, o novo requerimento do Goberno para sanear as contas de todas as empresas financeiras non será un problema para Caixa Rural. "O feito de contar cun importante colchón de dotacións vai permitir á entidade adaptarse integramente á nova normativa no peche do presente mes de marzo, a pesar de ter todo o exercicio para realizar o axuste", engadiron. Caixa Rural, que ten 134 empregados e 44 sucursais, prevé abrir proximamente dúas oficinas novas en Vigo e Ourense.
Cifras en miles de euros | Exercicio 2010 | Exercicio 2011 | Incremento 2010/11 |
---|---|---|---|
Investimento crediticio | 346.804 | 383.699 | 10,6% |
Recursos alleos | 412.332 | 419.750 | 1,8% |
Fondos propios | 36.562 | 38.109 | 4,2% |
Índice de morosidade | 2,21% | 2,87% | |
Cobertura de morosidade | 155% | 122% | |
Solvencia (Capital Principal) |
10,77% | 10,78% | |
Beneficio neto | 2.015 | 1.823 | -9,5% |
A Entidade non ten previsto participar en ningún proceso de integración alén "da estreita colaboración que mantén co resto de entidades do Grupo Caixa Rural", xa que entende que a súa independencia lle permite prestar aos seus socios e clientes un servizo "máis próximo e adaptado ás súas necesidades".