Campogalego.com: Falar do agro dende o agro e en positivo

Portada do xornal Dominio Público campogalego.com

A pasada semana botou a andar Campo Galego, un portal especializado que quere recoller toda a actualidade dos sectores agrario, gandeiro e forestal do país, ademais de emprestarlle atención a iniciativas de investigación e innovación, accións asociativas ou a proxectos de desenvolvemento rural. Detrás de Campo Galego están dous xornalistas, Gonzalo Brocos e David González, acompañados dun equipo de colaboradores. Atopámolos traballado, en Gandagro (Feira Semana Verde), e dende alí cóntannos a xénese do proxecto, os seus obxectivos e a experiencia dos primeiros días.

"Detectamos que había un nicho informativo que non estaba suficientemente tratado, pois os xornais xeralistas non ofrecen información abonda e non teñen seccións específicas, a pesar do peso tan importante que o agro ten na economía galega. Non había tapouco un portal informativo que se dirixise aos profesionais do sector abranguendo todos os aspectos da actualidade do campo, dende o leite, á horta, á gandaría, o sector forestal...", destaca David González. "Ademais"-continúa- "como nos dicía o xerente dunha explotación gandeira de Mazaricos, a visión que os medios dan do agro é moi urbanita, non hai conexión entre a xente que vive e traballa no agro e a xente que vive na cidade, a pesar do pasado e presente de Galicia e de que a maior parte das familias veñen da zona rural".

"A visión que os medios dan do agro é moi urbanita, non hai conexión entre a xente que vive e traballa no agro e a xente que vive na cidade"

Campo Galego quere contar o día a día do agro dende un punto de vista positivo, axudando a divulgar iniciativas exitosas e pioneiras, subliña David González: "Hai unha visión moi centrada en crises, en protesta, pero non se recolle o día a día, un sector moi dinámico, no que a xente se preocupa por mellorar e innovar a súa explotación continuamente". "Hai iniciativas novidosas que se están poñendo en marcha, o que lle falta ao sector para facerse visible é organización", conclúe.

"Hai motivos para a reivindicación, por suposto" -engade Gonzalo Brocos- "pero hai moita xente que está moi contenta co seu traballo, que ten calidade de vida e que está desenvolvendo moitas experiencias de traballo asociativo e de innovación que é importante que se coñezan, tanto por parte da sociedade como por parte do colectivo de profesionais do sector. Moitas veces o único que se traslada nos medios é unha sensación de queixa permanente que desvirtúa a imaxe que a xente se pode formar do agro. Digamos que a parte come o todo".

"Hai iniciativas novidosas que se están poñendo en marcha, o que lle falta ao sector para facerse visible é organización"

"Queremos afondar en temas de innovación, tentar facer de transmisores e divulgadores da investigación agraria que se está facendo", comenta. "E tamén divulgar experiencias asociativas: A noticia que máis se leu nestes primeiros días foi a dun grupo de explotacións de Mazaricos que se xuntaron para producir forraxe en común", di. "Queremos contribuír a incrementar a autoestima da xente, vencendo o que algún autor denominou 'cultura do desánimo compartido'", sinala.

"Queremos contribuír a incrementar a autoestima da xente, vencendo o que algún autor denominou 'cultura do desánimo compartido'"

Entre os temas nos que o xornal se vai centrar nos vindeiros meses destaca, no sector leiteiro, a fin do sistema de cotas, que terá lugar a partir de abril, destacan. Porén, o portal recolle e recollerá a actualidade diaria de moitos outros sectores, coma a viticultura, o sector forestal ou información de servizo que sexa útil para os profesionais, por exemplo os últimos datos actualizados de cotizacións e prezos.

A quen se dirixe Campo Galego? En primeiro lugar aos e ás profesionais do agro. Pero tamén vai dirixido a un público máis urbano, que cada vez demanda máis unha alimentación con produtos de calidade e de proximidade.

A quen se dirixe Campo Galego? En primeiro lugar aos e ás profesionais do agro e en xeral a todas as persoas que viven no rural galego. Porén, os seus contidos poden interesar un público mesmo máis amplo. Por exemplo, lembra Gonzalo Brocos, a sección de agroalimentación vai dirixida a un público máis urbano, que cada vez demanda máis unha alimentación con produtos de calidade e de proximidade. E o mesmo sucede coa sección de horticultura, "pois hai moita xente, mesmo nas cidades, que ten horta na casa". Ou a actualidade do sector forestal, pois, en Galicia hai máis de 700 mil propietarios forestais, "un tema que afecta a case todas as familias", subliñan.

"Algo ao que tamén queremos contribuír é a mellorar a imaxe do agro no conxunto da sociedade, a prestixialo tanto no rural como nas zonas urbanas. No propio rural, o traballo agrario é considerado moitas veces como a última opción, cando é un traballo que pode ofrecer maior calidade e nivel de vida que moitos outros", destacan. "É importante que se coñeza tamén todo o que achega o traballo no campo: seguridade alimentaria, xestión do medioambiente e impacto no nivel de renda do conxunto da poboación das principais comarcas rurais de Galicia, entroutras cousas", din.

"Algo ao que tamén queremos contribuír é a mellorar a imaxe do agro no conxunto da sociedade, a prestixialo tanto no rural como nas zonas urbanas"

A este respecto, rematan lembrando unha campaña de vallas publicitarias nas estradas que fixeron unha vez en Sudáfrica, que viña dicíndolles aos condutores algo así:

"- ¿Vostede come tres veces ao día?
- Agradézallo a agricultores e gandeiros".

Portada do xornal Dominio Público campogalego.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.