"Cando o sector da conserva se mobiliza, vai a por todas. As protestas van continuar a pesar das ameazas de peche patronal"

Rosa Abuín, nunha mobilización do sector da conserva no ano 2016 © CIG

Ademais da manifestación desta fin de semana, están xa convocadas tres novas xornadas de folga -os días 14, 16 e 18 de marzo- que se engadirán aos que os pasado 21 de xaneiro e 3 e 4 de febreiro se levaron a cabo en varias comarcas

Este sábado 19 de febreiro Boiro acolle unha manifestación das traballadoras e traballadores do sector da conserva. Unha mobilización que promete ser masiva e na que está en xogo a revisión do convenio colectivo, en negociación dende hai un ano, e un conflito laboral que se foi endurecendo nas últimas semanas, con varias convocatorias de folga, unha participación crecente do persoal nas manifestacións e concentracións convocadas e un posicionamento cada vez máis agresivo a cargo da patronal.

Ademais da manifestación desta fin de semana, están xa convocadas tres novas xornadas de folga -os días 14, 16 e 18 de marzo- que se engadirán aos que os pasado 21 de xaneiro e 3 e 4 de febreiro se levaron a cabo en varias comarcas. En resposta, o empresariado ameazou xa cun peche patronal para esa mesma semana de convocatoria de folga e coa negativa a retomar unha mesa de negociación na que xa se produciran importantes avances.

"Houbo ameazas ás traballadoras e traballadores eventuais e de ETT, dicíndolles que se ían á folga non lles renovarían o contrato, mesmo con ameazas de despedimento. Foron actitudes totalmente antidemocráticas"

Os principais puntos de desacordo xiran ao redor do incremento salarial para o persoal, no que os sindicatos rexeitan que traballadoras e traballadores perdan poder adquisitivo, nun momento de importante suba do IPC. Tamén nas condicións de apertura dunha nova quenda de traballo para as fins de semana e días festivos, que as centrais sindicais esixen que sirva para realizar novas contratacións e que estas non sexan precarias. E, igualmente, na necesidade de eliminar a fenda salarial de xénero que se mantén nun sector no que o 80% do persoal son mulleres, que cobran menos que a maior parte dos seus compañeiros varóns. 

Falamos con Rosa Abuín, responsable da FGAMT-CIG da comarca do Salnés e que está a participar das negociacións do convenio das conservas de peixe.

Mobilización en Vigo, hai unhas semanas, das traballadoras do sector da conserva © CIG

"Este é un sector reivindicativo, que xa o demostrou noutras mobilizacións anteriores que tiveron lugar en moitas empresas"

Como valorades a ameaza, lanzada polos empresarios, de levar a cabo un peche patronal coincidindo coas xornadas de folga convocadas? 

A patronal mandou un comunicado aos medios dicindo que nos días nos que temos convocada a folga ían facer un peche patronal toda a semana. Esta é a ameaza que están enviando. Nós temos claro que ese peche é ilegal e vulnera un dereito fundamental, como é o dereito á folga, e polo tanto imos recorrelo.

Como está sendo a actitude da patronal ao longo deste conflito? Nas últimas semanas dende a CIG denunciastes presións por parte dalgúns empresarios...

Si, houbo ameazas ás traballadoras e traballadores eventuais e de ETT, dicíndolles que se ían á folga non lles renovarían o contrato, mesmo con ameazas de despedimento. Foron actitudes totalmente antidemocráticas e nós pensamos que esta actitude lles saíu mal, porque a folga foi secundada por máis do 90% das traballadoras e traballadores do sector. Polo tanto, parece que cada vez que o empresariado abre a boca máis enfada ao propio sector.

"Queremos que se decaten de que, se non sentan de novo na mesa de negociación, as mobilizacións van continuar, por moitas ameazas de peche patronal que haxa. A conserva é un sector que cando se decide a mobilizarse vai a por todas"

Sorprendeuvos a mobilización que está habendo?

Si, hai un gran ambiente de mobilización no sector que se está notando tanto nas folgas coma nas mobilizacións convocadas. E si, mesmo nos está a sorprender, porque non contabamos cunha participación tan grande, sobre todo tendo en conta o gran número de persoal eventual que hai e polas presións e ameazas da patronal. Pero é certo que este é un sector reivindicativo, que xa o demostrou noutras mobilizacións anteriores que tiveron lugar en moitas empresas. 

Para que debe servir a manifestación de Boiro?

Nesa manifestación do día 19 en Boiro o que queremos demostrarlle á patronal é, primeiro, que o sector está mobilizado, que é algo que xa saben, polo éxito das convocatorias anteriores. E, segundo, queremos que se decaten de que, se non sentan de novo na mesa de negociación, as mobilizacións van continuar, por moitas ameazas de peche patronal que haxa. A conserva é un sector que cando se decide a mobilizarse vai a por todas. A manifestación vai ser masiva, estámolo vendo na xente que xa se está apuntando noutras comarcas para o transporte que se está organizando para ir a Boiro.

Manifestación en Boiro das traballadoras e traballadores do sector da conserva © CIG

"Na CIG non imos asinar ningún convenio no que o incremento salarial estea por debaixo do IPC real, non se pode perder poder adquisitivo"

Estades a valorar outras accións a partir da manifestación desta fin de semana?

Estamos estudando, despois da manifestación do 19 e antes das folgas de marzo, a convocatoria de concentracións diante de supermercados. Pero aínda non temos concretado nin os lugares nin as datas nin as horas, imos agardar primeiro a ver como se desenvolve a manifestación do día 19. Eu espero, sinceramente, que non teñamos que chegar a estas convocatorias nin ás folgas de marzo. Se chegamos á folga iso significará que estamos ante unha patronal completamente irresponsable ou incompetente para resolver este conflito mediante o diálogo. 

Un dos aspectos clave na negociación é o do incremento salarial. É un asunto que cobrou importancia pola alza dos prezos e polos baixos salarios do sector?

Nós temos claro que na CIG non imos asinar ningún convenio no que o incremento salarial estea por debaixo do IPC real, non se pode perder poder adquisitivo. O que si é certo é que na última negociación do día 2 achegamos máis posturas e a oferta da patronal sitúase xa máis preto dun aumento salarial que non implique esa perda de poder adquisitivo. Porén, hai outros aspectos en xogo, nos que tamén existen desacordos, como é a fenda salarial de xénero e a quenda de fin de semana.

"Na negociación xurdiu a opción de crear unha quenda de fin de semana e festivos. Este é un tema que estamos dispostos a valorar sempre que esta quenda se encha con novas contratacións a cargo da empresa, non a través de ETT"

Como debe ser esa quenda de fin de semana?

A patronal comezou cunha proposta de ampliar de luns a domingo a xornada ordinaria e incrementar as horas de 1.730 horas que ten agora o convenio a 1.770 horas. Evidentemente iso non se podía permitir. Entón, na negociación xurdiu a opción de crear unha quenda de fin de semana e festivos. Este é un tema que estamos dispostos a valorar sempre que esta quenda se encha con novas contratacións a cargo da empresa, non a través de ETT, creando empregos e reducindo as contratacións en precario, porque non aceptaremos contratos eventuais, senón que deben ser indefinidos a tempo parcial. 

Queremos evitar que a través desta quenda de festivos se leven a cabo abusos. Iso si, se algunha traballadora que xa está na empresa se quere acoller a esta quenda, por cuestións de conciliación, propoñemos que teña prioridade para acceder a ela, de xeito voluntario, claro.

Manifestación das traballadores e traballadores do sector da conserva en Vigo, hai unhas semanas © CIG

"No actual convenio hai dous grupos: o grupo 5, no que están todas as mulleres, que son o 80% das traballadoras, e o grupo 6, maioritariamente homes. Nós propoñemos a unificación, porque os do grupo 6 cobran ao redor de 600 ou 800 euros máis ao ano que o persoal do grupo 5" 

Outra das cuestións nas que máis estades facendo fincapé é na solución á actual fenda de xénero nos salarios. Como de grave é esta situación?

Si, no actual convenio hai dous grupos: o grupo 5, no que están todas as mulleres, que son o 80% das traballadoras, e o grupo 6, maioritariamente homes. As auxiliares, que son a categoría maioritaria no sector, teñen un salario duns 990 euros brutos de salario base. Aquí ten que haber un incremento importante.

Nós propoñemos a unificación deses dous grupos, porque na actualidade os do grupo 6 cobran ao redor de 600 ou 800 euros máis ao ano que o persoal do grupo 5. Nós queremos que desapareza esta fenda salarial por xénero neste novo convenio colectivo. A patronal está ofertando un incremento para este grupo dun 0,3% por riba do incremento xeral. 

"Convocar a mesa de negociación é bo para as dúas partes e nesa mesa é onde temos que seguir debatendo"

Un éxito na manifestación desta fin de semana obrigaría á patronal a reconsiderar a súa posición?

A patronal ten que tomar nota da mobilización que hai no sector e convocar dunha vez a mesa de negociación, en vez que mandar comunicados coma o que mandou e lanzar ameazas. Non entendemos a súa actitude, porque penso que nestes momentos na negociación hai máis cousas que nos unen que as que nos separan. Convocar a mesa de negociación é bo para as dúas partes e nesa mesa é onde temos que seguir debatendo.

Manifestación das traballadores e traballadores do sector da conserva en Vigo, hai unhas semanas © CIG
O sector da conserva suma varias semanas de mobilizacións © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.