O sector da conserva redobra as mobilizacións ante a negativa da patronal a aceptar un incremento salarial acorde coa suba do IPC

O sector da conserva suma varias semanas de mobilizacións © CIG

Este sábado 19 de febreiro unha manifestación percorrerá as rúas de Boiro na demanda dun "convenio xusto" para o sector

O sector da conserva leva semanas mobilizado en Galicia por un convenio xusto. De Vigo a Viveiro, pasando por Vilagarcía ou O Barbanza, as traballadoras e traballadores encandean marchas e folgas con participación masiva que terán un novo capítulo este sábado 19 de febreiro cunha manifestación que percorrerá as rúas de Boiro dende as 12 do mediodía. Ademais, están convocados tres novos días de paros o 14, 16 e 18 de marzo, que se engadirán aos que os pasado 21 de xaneiro e 3 e 4 de febreiro se levaron a cabo en varias comarcas.

Na base das protestas está a negociación do novo convenio do sector, cunha proposta de incremento salarial a cargo da patronal moi cativa, en comparación co aumento actual do IPC (máis dun 6% en decembro): un 2,25% no 2021, un 3% en 2022 e un 2,2% no 2023, unha oferta que os sindicatos cualificaron como "unha provocación". 

O sector da conserva suma varias semanas de mobilizacións © CIG

As mobilizacións comezaron en decembro e, ante a falta de resposta da patronal, derivaron en xaneiro na convocatoria das tres primeiras xornadas de folga, ás que agora se suman outros tres días de paro en marzo

CIG, UGT e CCOO esixen que a suba salarial non se sitúe por debaixo da alza dos prezos e rexeitan tamén outros aspectos do convenio proposto, como a distribución da xornada laboral de luns a domingo ou que non se corrixa a fenda salarial entre homes e mulleres.

As mobilizacións comezaron en decembro e, ante a falta de resposta da patronal, derivaron en xaneiro na convocatoria das tres primeiras xornadas de folga. “A única responsábel é a patronal, porque as últimas propostas que puxeron enriba da mesa non garanten o poder adquisitivo dos cadros de persoal nin corrixen a fenda salarial existente na actualidade entre homes e mulleres”, sinalaba daquela a CIG.

O éxito dos paros e das manifestacións convocadas en Vigo, Boiro ou Vilagarcía, con centos de persoas en todas as convocatorias, levaron os sindicatos a esixir que a patronal tomase "nota" da vontade maioritaria das traballadoras e traballadores

O éxito dos paros e das manifestacións convocadas en Vigo, Boiro ou Vilagarcía, con centos de persoas en todas as convocatorias, levaron os sindicatos a esixir que a patronal tomase "nota" da vontade maioritaria das traballadoras e traballadores. 

Porén, a resposta da patronal ante as protestas foi a ruptura unilateral da mesa de negociación. “Poñen como escusa a folga, pero o certo é que levamos un ano de contactos e a parte social sempre se amosou disposta a negociar”, sinalou a CIG, que engadiu que "a nosa disposición a negociar non implica vender os dereitos das persoas afectadas polo convenio das conservas de peixe”. Ademais, os sindicatos denunciaron "intentos de boicot por parte da patronal con ameazas e coaccións ás traballadoras e traballadores para que non secundasen o paro”. 

Manifestación en Vigo das traballadoras e traballadores do sector da conserva © CIG

"Non propoñen ningún incremento salarial adicional para a categoría de auxiliar, que é a que agrupa a maior parte de mulleres traballadoras cun salario inferior", denuncian os sindicatos

O pasado xoves os tres sindicatos maioritarios no sector das conservas de peixe (CIG, CCOO e UGT) anunciaron a convocatoria de novas mobilizacións "para forzar a patronal a negociar un convenio colectivo xusto que permita unha suba de soldos digna e que remate coa fenda salarial entre homes e mulleres", indicou a CIG, que lembra que "sorprendentemente non propoñen ningún incremento salarial adicional para a categoría de auxiliar, que é a que agrupa a maior parte de mulleres traballadoras cun salario inferior". “A igualdade retributiva ten que ser unha realidade, e para iso é preciso concretala no convenio colectivo, que é a norma que regula os salarios”, subliña a central nacionalista.

"Non pode ser que sexan as traballadoras as que asuman perda de poder adquisitivo ao tempo que as empresas do sector aumenten beneficios polo incremento das ventas", di a CIG

O incremento salarial, nun momento de suba do IPC por mor da alza dos prezos da electricidade, os combustibles e a vivenda, segue a ser un dos aspectos centrais de desacordo, pois "non pode ser que sexan as persoas traballadoras as que asuman perda de poder adquisitivo ao tempo que as empresas do sector aumenten beneficios polo incremento das ventas”, sinala a CIG, que si percibir "un descontento importante entre os cadros de persoal porque a patronal está a escusarse na suba do prezo da electricidade para ofrecer un incremento salarial de miseria”.

O sector da conserva suma varias semanas de mobilizacións © CIG

Os sindicatos tamén esixen que no convenio se recollan as "garantías legais" para que o establecemento da quenda de fin de semana “absolutamente en ningún caso” supoña a modificación das actuais persoas traballadoras do sector e que sirva "exclusivamente para a creación de emprego a través das empresas e non das ETT".

Ademais da manifestación do día 19 de febreiro en Boiro e das tres xornadas de folga fixadas para marzo, as centrais anuncian que se levarán a cabo outras protestas, entre as que salientan a realización de concentracións ás portas de supermercados.

Protesta das traballadoras e traballadores do sector da conserva en Vigo © CIG
Imaxe da folga do sector da conserva na factoría de Albo en Celeiro © CIG
Manifestación en Vigo das traballadoras e traballadores do sector da conserva © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.