En febreiro de 2023, con dous anos de atraso sobre o establecido na lexislación europea, o Goberno de España aprobou definitivamente os seus Plans de Ordenación dos Espazos Marítimos (POEM). Isto é, os mapas que ordenan os usos do mar en diferentes contornas, coas correspondentes restricións e "potencialidades". Entre elas, a enerxía eólica mariña.
O alto tribunal non ve a "arbitrariedade" e "desviación de poder" dos que a Plataforma en Defensa da Pesca acusaba o Goberno de España ao elaborar os POEM
Alén do cumprimento con atraso do estipulado pola UE, boa parte do foco político, social e económico a respecto dos POEM tiña que ver coas áreas que o Estado contempla como posibles polígonos eólicos no mar. No caso galego son cinco as mesmas que o Executivo central prevía na versión inicial do proxecto, pero modificadas como resultado do proceso de avaliación ambiental. Entre as razóns aludidas para esas modificacións estaba a interacción coa pesca, se ben unha ampla representación do sector non as considerou dabondo e optou por litigar ante o Tribunal Supremo, que vén de rexeitar o seu recurso.
O alto tribunal vén de informar este 16 de xullo de que a súa sala do Contencioso-Administrativo desbota os argumentos da denominada Plataforma en Defensa de la Pesca y de los Ecosistemas Marinos para tentaren tombar os POEM pola vía xudicial. Trátase dunha asociación formada por unha trintena de entidades do sector mobilizadas para tentaren evitar a "instalación de polígonos industriais de enerxía eólica e outros usos distintos á pesca".
"Non pode sosterse que ao seleccionar as zonas nas que situar preferentemente instalacións de enerxía eólica mariña (...) esquecese a presenza da actividade pesqueira nin a súa interacción coa eólica"
Segundo informa o Supremo, a Sala non considera que, como sostén a Plataforma, o Goberno de España incorrese en "arbitrariedade" e "desviación de poder" ao elaborar os POEM. "Non pode sosterse", di o ditame, que o Executivo "ao seleccionar as zonas nas que situar preferentemente as instalacións de enerxía eólica mariña" e "evitar así o seu espallamento desordenado por todo o medio mariño" sobre o que ten competencias "esquecese a presenza da actividade pesqueira nin a súa interacción coa eólica".
Ben ao contrario, indican os maxistrados, os POEM "tomaron en consideración" unha "copiosa información" sobre a pesca e "obrigan" de "xeito recorrente" a "ter en conta en todo momento a actividade pesqueira desenvolvida nas zonas seleccionadas para a enerxía eólica". Neste sentido, agrega, os potenciais "solapamentos" deben "resolverse ao tempo da autorización" de cada proxecto eólico mariño.
Para rexeitar o recurso, o Supremo ten especialmente en contra que os POEM fosen modificados a respecto da súa versión inicial durante o trámite ambiental. "Modificouse a superficie dos polígonos para a eólica mariña, reducindo o seu potencial impacto sobre a pesca" e "tomouse a decisión de non incluír a enerxía eólica" en zonas nas que si estaba prevista, detalla.
A sentenza resalta que os plans foron modificados durante o trámite ambiental para "reducir o impacto" sobre a pesca e cre que a Plataforma "en ningún momento" deu "rebatido" a "información técnica e científica" exposta polo Estado ao respecto
Segundo a sentenza, "as decisións adoptadas en relación coa actividade pesqueira e a eólica mariña parten dun complexo proceso de consulta e negociación" entre sectores "con intereses contrapostos" e "foron tomadas razoadamente". Para trazar a versión definitiva dos plans, considera, o Estado manexou unha ampla "información técnica e científica, accesible ao público" dende fontes coma o Instituto Español de Oceanografía e as diferentes admnistracións.
Neste sentido, considera a Sala que esa información "non foi en ningún momento fundadamente rebatida" pola Plataforma. Os recorrentes, conclúe, "limitáronse" a "expresar a súa mera discrepancia subxectiva". Seguen así adiante as zonas nas que poderán instalarse polígonos eólicos mariños fronte ás costas galegas, catro entre Ferrolterra e a Mariña e unha fronte á desembocadura do Miño. Catro delas teñen un tamaño máis reducido que na versión inicial "para minimizar a interacción con artes de pesca de fondo: arrastre, palangre e enmalle".