O sector pesqueiro retoma as protestas contra a eólica mariña un ano despois de aprobarse os plans

Parque de eólica mariña en augas de Alemaña CC-BY-SA Praza Pública

O sector pesqueiro de Galicia, Asturias e as Canarias retoma as mobilizacións contra os plans estatais para a eólica mariña, o que consideran un "ataque" aos seus intereses. A Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños anunciou este sábado concentracións neste mes de marzo —sen datas aínda concretas— nos peiraos de Porto de Veiga, na localidade asturiana de Navia, na costa canaria e en Burela.

Serán mobilizacións para rexeitar os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) para o desenvolvemento da eólica mariña nas costas e que foron aprobados definitivamente agora hai un ano. A plataforma anunciou tamén que presentará alegacións ao proxecto de Real Decreto para paralizar a normativa mentres non quede resolto o recurso presentado ante o Tribunal Supremo contra os devanditos plans. 

Torcuato Teixeira, portavoz da Plataforma en defensa da pesca e dos ecosistemas mariños CC-BY-SA PDPEM

A Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños anuncia mobilizacións en Galicia, Asturias e Canarias neste mes de marzo

O obxectivo das protestas é frear este real decreto que regula a produción de enerxía eléctrica nos parques no mar ao entender que suporá a “a saída á poxa" dos caladoiros de pesca "para seren ocupados pola eólica mariña”. Ante os plans do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a plataforma pide unha reunión coa titular, Teresa Ribera, así como co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas. Tamén agardar empezar as xuntanzas cos diferentes partidos políticos para amosarlles a súa postura. 

Os POEM foron aprobados definitivamente  hai un ano para todas s costas do Estado e definiu as zonas previstas para instalacións de enerxía eólica mariña, que fronte a Galicia finalmente serán as mesmas cinco previstas inicialmente —catro entre Ferrolterra e a Mariña lucense e unha máis fronte á desembocadura do Miño— pero con tamaños máis reducidos polos condicionantes ambientais e conflitos con outros usos advertidos durante a avaliación ambiental.

O plan estatal prevé áreas para a eólica mariña fronte á costa galega que suman case a metade da superficie total prevista para en todo o Estado. O sector pesqueiro galego e asturiano —agrupado na a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariño— pedira, xa inicialmente, a dimisión da ministra Teresa Ribera, negándose mesmo a participar en calquera debate sobre a implantación dos parques. 

A plataforma lembra, agora, que o Instituto Español de Oceanografía está a analizar os posibles impactos dos parques eólicos nos ecosistemas mariños, xunto con outros estudos sobre as súas afectacións que cren que son imprescindibles antes de tomar unha decisión sobre as poxas e concesións a trinta anos para a eólica mariña. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.