Case seis de cada dez familias galegas chega con dificultades a fin de mes

Aumentan as dificultades para chegar a final de mes © bestowin.wordpress.com

Frías estatísticas, pero fiel reflexo da crise, dos recortes e do desemprego. Case un 60% das familias galegas -un 57,7%- declara chegar con dificultades ou moitas dificultades a fin de mes no segundo trimestre do ano, segundo os datos que este venres fixo públicos o Instituto Galego de Estatística. A cifra supera en cinco puntos o rexistrado no mesmo período de 2012 (52,75%), pero seis menos que no primeiro trimestre de 2013. Así e todo, son case seis de cada dez os fogares que recoñecen chegar xustos a fin de mes.

Son un 13% dos fogares os que aseguran ter moitas dificultades, fronte ao 17,83% que o facía nos tres primeiros meses do ano. Ademais, o 44,64% din ter dificultades, unha cifra que é moi parecida ao de trimestre anterior, que se situaba no 46,05%, aínda que empeora a de hai un ano 41,09%. En canto ás familias que din chegar sen problemas a fin de mes, son o 42,31%, fronte ao 36,12% que o manifestaba no trimestre anterior.

Case o 90% dos fogares galegos din non poder facer fronte a gastos imprevistos ou grandes compras

Os resultados do IGE mostran tamén que só o 7,5% dos fogares se puideron permitir no segundo trimestre facer unha viaxe ou pagarse unhas vacacións, mentres queu tan só o 54,1% puido saír a cafetarías ou restaurantes. Ademais, a maioría das familias manifestaron que non podían facer fronte a gastos imprevistos ou grandes compras (o 88,64%), ou a extras en alimentación e vestido (o 78,18% e o 91,29%, respectivamente). Unicamente puido aforrar algo de diñeiro o 31,79%.

Xa que logo, o 33,92% das familias galegas dixeron non permitirse ningún extra no últimos tres meses, mentres que o 32,17% manifestou que cambiou hábitos para aforrar, como comprar marcas brancas; o 31,88% dixo reducir gastos noutros ámbitos. No 2,96% dos casos algún dos membros da familia tívose que pór a traballar ou aumentar o horario; no 9,86% recibiron axuda económica de familiares ou amigos e no 2,69% tomaron medidas financeiras. Do mesmo xeito, un 6,1% dos fogares admitiu que se atrasou no pago dalgún dos recibos de obrigado cumprimento no últimos tres meses.

Só o 15% das familias prevén permitirse unha viaxe ou vacacións no futuro inmediato

En canto ao futuro inmediato, o 14,37% dos fogares aseguraron que prevé permitirse unha viaxe ou unhas vacacións; o 58%, ir a cafetarías ou restaurantes; o 19,98% fai un extra en alimentación e o 11,89% un extra en roupa ou calzado. O 7,81% cre que poderá facer fronte a imprevistos ou grandes compras e a 36,93% espera aforrar algo de diñeiro.

Aumentan as dificultades para chegar a final de mes © bestowin.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.