CCOO dá por "roto" o diálogo social coa Xunta

Aguión (segundo á dereita), nunha xuntanza do diálogo social © Conchi Paz

O diálogo social empequenece. No verán de 2010 a Xunta sentaba á mesma mesa aos sindicatos CC.OO e UGT e á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) para asinar pactos en materia laboral e industrial, ademais de política social ou ordenación do territorio. Esa fotografía de entendemento entre Goberno, sindicatos e empresarios foi presentada pola Xunta como unha diferenza substancial entre o panorama político-laboral de Galicia e o do Estado. Malia non contar coa participación da CIG o propio presidente asegurou en diversas ocasións que, mentres a José Luis Rodríguez Zapatero "lle formulaban folgas xerais", o Executivo galego chegaba a acordos cos representantes de empresas e traballadores. Pero nesa mesa xa non está un dos seus catro apoios: Comisións Obreiras.

Comisións atribúe á "actitude do Goberno da Xunta" a imposibilidade de manter o diálogo social

Foi o pasado 15 de xuño cando o Consello Nacional de CCOO en Galicia tomou a decisión. No marco dunha análise das medidas de reforma e recorte adoptadas dende Santiago e Madrid nos últimos meses e das súas consecuencias o máximo órgano entre congresos do sindicato "decidiu dar por esgotado o proceso de diálogo social" e fíxoo, esencialmente, "pola actitude do Goberno da Xunta". Se ben CC.OO. "valora a consecución de avances nesta etapa" -o acordo mesmo foi ampliado a comezos deste 2012- a central sindical no ve posible manter a interlocución. "Pasadas as eleccións autonómicas" Comisións "traballará para potenciar os contidos da súa proposta" de "pacto polo emprego e polos servizos públicos de calidade".

Nesa mesma xuntanza o secretario xeral da organización, Xosé Manuel Sánchez Aguión, fixo especial fincapé no "crecente proceso de mobilizacións sectoriais e xerais para rexeitar a reforma laboral", así como "os recortes e as súas consecuencias en sectores e empresas". Nun ámbito máis xeral o sindicato coida que "non é o momento de facer partidismo político dende as institucións" e, neste contexto, "cómpre menos propaganda política e máis transparencia, ademais de responsabilidade". Iso, din, non se dá cando "no canto de transparencia", os gobernos galego e central optan por "eufemismos para evitar palabras como rescate, recortes e copagamento".

"O Goberno do PP, sempre facendo os seus cálculos electoralistas", reprochan, "non quere dar unha información tan clara como as medidas e decisións que adopta" e dos "seus resultados", caso por exemplo do rescate bancario. Así, Comisións coida que "na súa cruzada contra os dereitos laborais e sociais e contra os servizos públicos" os conservadores "non atenden a razóns, nin as máis básicas, como son o diálogo e o debate", que lles "sobran".

Gómez, Mato, Feijóo, Fontenla e Aguión © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.