CCOO denuncia fraude á Seguridade Social e "competencia desleal" nun centro especial de emprego

Unha das empresas do grupo Ilunion © Ilunion

A Federación de Industria de CCOO en Pontevedra denunciou a empresa Ilunión ante a Inspección de Traballo por diversas infraccións que tería identificado o sindicato. Segundo Comisións, o centro especial de emprego (CEE) actuaría como "empresa pantalla" para abaratar custos da contratación, utilizando para iso subvencións públicas, o que "ademais de fraude á Seguridade Social sería competencia desleal no sector".

CCOO-Industria considera que Ilunión é "un falso centro especial de emprego (CEE), que goza das vantaxes desta consideración pero non cumpre coas obrigas". Segundo explica, os CEE contan con vantaxes en aspectos como as cotizacións á Seguridade Social, as bonificacións por contratación indefinida e mesmo reciben achegas económicas da Xunta. A principal obriga é que polo menos o 70% do persoal teña algunha discapacidade, "pero a propia web de Ilunión rebaixa a cifra ao 40,6%".

CCOO acusa o centro especial de emprego de Ilunión de actuar como "empresa pantalla" para abaratar custos de contratación a través de subvencións públicas e de ceder ilegamente traballadores

Ademais, e sempre segundo CCOO, Ilunión, promovido pola ONCE, aplica o convenio colectivo de atención a persoas con discapacidade. "Porén, en función da súa actividade, debería ser de aplicación o convenio do metal de Pontevedra, aspecto que tamén foi denunciado polo sindicato", engade. 

Malia isto, unha das cuestións máis graves que CCOO denunciou á autoridade laboral é a cesión ilegal de traballadores. Segundo o sindicato, a compañía "cede persoal de xeito ilegal a empresas da automoción da provincia, co obxectivo de abaratar custos baixo o paraugas dunha falsa tarefa social". "En Vigo só dispón dunha oficina para formalizar os contratos, pero non dos medios necesarios para prestar servizo ningún. Os traballadores son cedidos a empresas como PSA, Censo, Lear ou Benteler, actuando coma se fose unha ETT, pero vulnerando as obrigas que estas empresas teñen", denuncia o sindicato.

Discriminación laboral e casos de acoso son outras das cuestións que CCOO puxo en coñecemento da Inspección de Traballo.

Captura da web de Ilunion denunciada por CCOO © Ilunion

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.