CC.OO. e UGT chaman a mobilizarse no 1º de maio ante os "estarrecedores" datos do paro: "Que máis ten que pasar?"

Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Gómez CC-BY Praza Pública

Os datos da EPA correspondentes ao primeiro trimestre do 2013 coñecéronse a menos dunha semana do 1º de maio. Esta nova e as súas cifras, outravolta moi negativas, dominaron a presentación das mobilizacións que CC.OO. e UGT levarán a cabo en Galicia nesa data. Os seus secretarios xerais, Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Gómez, cualificaron de "estarrecedoras" as cifras e sinalaron que nos últimos tres anos "por cada décima que se reduciu o déficit -do 11,6% ao 10,2%- o desemprego aumentou máis de medio punto", pasando do 20% a máis do 27%. "Unha mostra do erradas que demostraron ser as políticas de austeridade", en palabras do secretario xeral de UGT, José Antonio Gómez, que se preguntou "Que máis ten que pasar?".

Sinalaron que nos últimos tres anos "por cada décima que se reduciu o déficit -do 11,6% ao 10,2%- o desemprego aumentou máis de medio punto", pasando do 20% a máis do 27%. "Unha mostra do erradas que demostraron ser as políticas de austeridade"

Un e outro fixeron un chamamento a participar nas nove manifestacións convocadas en Galicia: Ferrol, A Coruña, Compostela, Lugo, Viveiro, Vigo, Pontevedra, Vilagarcia e Ourense, baixo o lema "Non teñen límites, loita polos teus dereitos" e destacaron que "a rúa é o lugar que lles queda aos traballadores e traballadoras e á cidadanía". A Coruña acollerá a manifestación central destes dous sindicatos.

"Estamos perdendo as conquistas sociais que foramos perdendo durante xeracións e podemos deixarlles aos nosos fillos un mundo moito peor do que nos tocou vivir"

Xosé Manuel Sánchez Aguión, de CC.OO., salientou que se trata dun momento "crucial", pois "estamos perdendo as conquistas sociais que foramos perdendo durante xeracións e podemos deixarlles aos nosos fillos un mundo moito peor do que nos tocou vivir". Tamén lembrou que moitas persoas foron resistindo os golpes da crise en boa medida polas "reservas animicas e familiares", pero que esas resevas "se están a esgotar".

Tamén alertou sobre os novos ataques que está recibindo o Estado de Benestar e que seguirá recibindo: "agora queren ir polas pensións", dixo. E lembrou que se apunta que este venres o Consello de Ministros aprobará novos recortes: "un novo venres de dor". Sánchez Aguión concluiu dicindo que "hai 300 mil razóns para manifestarse o 1 de maio", en referencia ao número de desempregados e desempregadas existentes en Galicia.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.