Centos de persoas saen á rúa coa CIG para reclamar solucións á crise industrial e á precariedade

Mobilización da CIG en Lugo CC-BY-NC-SA CIG

Centos de persoas saíron este xoves ás rúas das principais cidades de Galicia convocadas pola CIG en defensa do emprego e do sector industrial e para reclamar aos gobernos centrais e autonómicas medidas contra a precariedade. 

A CIG advirte das "tímidas e insuficientes" medidas do Goberno central e reclama a derrogación completa da reforma laboral

En todas elas, responsables do sindicato nacionalista advertiron de que estarán atentos e esixentes para que o Executivo central cumpra con todas as promesas feitas e para que derrogue completamente a reforma laboral. 

Baixo o lema Recuperar os dereitos para avanzar. En defensa da industria e o emprego, a CIG lembrou que a Xunta ten plenas competencias en materia industrial, polo que lle esixe que leve a cabo políticas que afronten a grave crise do sector no país, especialmente entre as electrointensivas ou o naval. 

Mobilización da CIG na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

En Lugo, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advertiu de que a recente suba do salario mínimo ou das pensións "non están en absoluto á altura da emerxencia social que vive o país" e insistiu na "urxente e necesaria derrogación íntegra" das reformas laborais e de todas as políticas de recorte nos servizos públicos. 

O sindicato nacionalista esixe á Xunta que actúe contra a crise industrial do país e carga contra a postura "ultraespañolista e negacionista de Galicia" de Feijóo

Para Carril, as medidas tomadas polo Goberno central até agora son "tímidas e insuficientes" porque non solucionan "a profunda inxustiza social". Respecto da "crise industrial, o secretario xeral da CIG lembrou a "absoluta indefensión" dos traballadores ante situacións como a da Alcoa en San Cibrao, do naval ou da térmica das Pontes. 

Carril cargou tamén contra a postura "ultraespañolista e negacionista de Galicia" de Feijóo e do PP. "Só recúa cando a mobilización social lle fai fronte", dixo en referencia á reapertura do paridoiro de Verín ou á cancelación do proxecto da mina de Touro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.