Centos de persoas volven saír ás rúas para manter acesa a demanda contra as preferentes

Protesta en Vigo © Emilio Rodríguez Tris /plataforma afectados

É unha demanda que non cesa. Unha protesta contínua que xunta a xente de todas as idades e entidades de crédito por todo o territorio estatal. A deste xoves foi unha nova xornada protagonizada polas mobilizacións contra o "corralito" das participacións preferentes, un produto de imposición fixa dispensado de maneira masiva polas entidades financeiras españolas que ten atrapados a centos de miles de persoas. En Galicia, e segundo os cálculos de Adicae, son uns 100.000 os galegos afectados cun patrimonio "secuestrado" de máis de 1.000 millóns de euros. A Coruña e Vigo volveron acoller esta tarde dúas protestas contra esta "fraude", que se centraron practicamente en exclusiva en Novagalicia Banco. Esta entidade ten case a metade da cota de mercado do aforro en Galicia. 

Foron case noventa as manifestacións e concentracións que se sucederon durante o día por todo o territorio do Estado

En total, foron case noventa as manifestacións e concentracións que se sucederon durante todo o día por todo o territorio do Estado. Adicae cualificou as protestas como un "rotundo éxito" ao ter reunido a máis de 5.000 persoas "que expresaron ante as principais entidades que comercializaron participacións preferentes a súa esixencia de solucións efectivas". Durante as concentracións os afectados fixeron entrega dun escrito no que, tras denunciarse o bloqueo dos aforros de máis dun millón de consumidores, se solicita á entidade o estudo de "solucións que teñan en conta as realidades descritas e os dereitos dos afectados" e "a apertura do necesario diálogo coa Plataforma de Adicae para a procura de solucións razoables e satisfactorias no plano extraxudicial".

"Pacífico"

Os afectados que participaron nestas mobilizacións "mantiveron unha actitude pacífica e de diálogo, aínda que nalgúns casos se produciron momentos de tensión ao acceder ás sucursais para proceder á entrega dos escritos de denuncia e petición de diálogo, mentres que en determinadas entidades a actitude dalgúns directores de sucursal foi dunha cerrazón impropia dun problema de tan enormes dimensións e consecuencias como o xerado", condenou Adicae nunha nota aos medios.

Cartel distribuido por Adicae CC-BY-SA Adicae

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.