CIG e ELA denuncian ante o Supremo aos responsables políticos da crise económica

O secretario xeral de ELA, Adolfo Muñoz,'Txiki', e Suso Seixo, ao presentar a demanda CC-BY CIG

Os sindicatos CIG e ELA denuncian por prevaricación ante o Tribunal Supremo ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e aos seus predecesores, Rodríguez Zapatero e Aznar, por consideralos responsables "do maior saqueo" de España. Na denuncia, que xa fora adiantada por Praza, inclúese tamén a Rodrigo Rato, Pedro Solbes, Elena Salgado, Luis de Guindos, o gobernador saínte do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, e o seu antecesor, Jaime Caruana.

"Son responsables de permitir que o poder financeiro controlase a política e os medios de comunicación"

O secretario xeral de ELA, Adolfo Muñoz, Txiki, asegurou que consideran estas persoas responsables "por acción ou omisión" de consentir que o poder finaceiro acabase controlando o Estado. "O control da política, dos medios de comunicación para que as cousas pasen sen que haxa contestación na rúa", asegura. 

"Hai que esixir que vaian á cadea os principais culpables da crise", reclama Suso Seixo

Suso Seixo, secretario xeral da CIG, cre que "hai que esixir que realmente vaian á cadea os principais culpables da crise económica". Ademais, critica que o poder xudicial utilixe unha vara de medir diferente cando se trata de delitos económicos á hora de esixir responsabilidades a quen ocupa cargos políticos e económicos. 

O secretario xeral de ELA, Adolfo Muñoz,'Txiki', e Suso Seixo, nunha rolda de prensa en Donosti CC-BY-SA ELA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.