CIG e ELA levarán aos tribunais aos políticos pola crise. Os dous sindicatos anunciaron a presentación dunha querela criminal ou, no seu caso, unha demanda penal, "contra os responsables políticos dos gobernos e o gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Ordoñez, pola súa responsabilidade na grave situación financeira do Estado español". Así o confirmaron este xoves Adolfo Muñoz, Txiki, e Suso Seixo, secretarios xerais de ambas as dúas centrais.
Para os sindicatos ELA e CIG non é de recibo que os responsables da situación na que nos atopamos "non teñan que render contas das súas actuacións políticas para favorecer ás entidades financeiras".
"Non é de recibo que non teñan que render contas das súas actuacións políticas para favorecer os bancos"
Neste sentido, lembraron que "mentiron cantas veces foi necesario para defendelos e non tomaron ningunha decisión na súa contra". "Mentiron co test de estrés e na valoración dos activos inmobiliarios e, tamén, cando dicían que o obxecto das axudas era favorecer o crédito. Todo iso para que os especuladores tivesen prioridade para cobrar e seguir especulando", subliñou Muñoz, que situou neste contexto a reforma da Constitución española.
Pola súa banda, o secretario xeral do a CIG, Suso Seixo denunciou, neste sentido, o papel que os responsables políticos xogaron "no saqueo ao que se someteu ás contas públicas para facer chegar diñeiro á banca e ao capital". Ademais, o líder da central nacionalista confirmou a noticia a Praza, aínda que asegurou que ambos os dous sindicatos están pendentes dos seus servizos xurídicos para ver se se presenta unha querela criminal ou unha demanda penal contra os gobernantes.
Os máximos responsables dos sindicatos ELA e CIG, que mantiveron un encontro en Donostia para facer un balance da situación económica, social e política, criticaron a política de recortes das administracións española, vasca e galega que "nos levan a un calexón sen saída".