Cinco anos de crise que non afectan a todos por igual

Rolda de prensa ofrecida este mércores por UGT. José Domingo Barros, no centro CC-BY-SA Praza Pública

"Todos somos iguais ante a crise, pero uns son máis iguais ca outros", ben se podería dicir, lembrando a Orwell. Unha crise económica tan prolongada coma a actual, superados xa os cinco anos, dende logo ten efectos en toda a sociedade, pero as consecuencias máis graves sófrenas os sectores sociais máis desfavorecidos, as rendas máis baixas, os pobres e os excluídos, como demostran os datos de moitos indicadores. UGT-Galicia vén de presentar o seu informe A crise e as desigualdades, no que alerta do ensanchamento dos desequilibrios en favor dos beneficios empresariais e das grandes rendas. O sindicato quere contestar así as mensaxes, lanzadas dende o Goberno, o empresariado e dende organismos coma o FMI, o BCE e a Comisión Europea, que apostan por unha redución do salarios e do gasto público en prestacións como vía para a recuperación económica.

Dende o inicio da crise, a renda do 20% dos cidadáns con máis ingresos pasou de ser 5,3 veces superior á do 20% máis pobre a selo 7,5 veces

Non é a primeira vez que os datos estatísticos poñen ao descuberto esta realidade. Dende o inicio da crise, a renda do 20% dos cidadáns con máis ingresos pasou de ser 5,3 veces superior á do 20% máis pobre a selo 7,5 veces, sendo España o pais europeo máis desigual neste índice. E de igual maneira, o Índice Gini (que tamén mide a desigualdade nos ingresos) incrementouse en España do 31,9% rexistrado en 2008 ao 35% de 2012. Neste mesmo período, a pesar da crise, a desigualdade mesmo se reduciu en Portugal e mantívose estable en Francia, Italia ou Irlanda, crecendo lixeiramente en Grecia.

"A situación de Galicia é moi complicada e vai ser moi complicada nos vindeiros anos, á vista de todos os indicadores"

José Domingo Barro, secretario de Política sindical, Relacións laborais e Formación de UGT-Galicia, alertou de que "a situación de Galicia é moi complicada e vai ser moi complicada nos vindeiros anos, á vista de todos os indicadores", por exemplo á vista do incremento da porcentaxe de persoas que cobran salarios baixos, da porcentaxe de galegos e galegas que non reciben ingresos ou prestacións de ningún tipo ou moi por debaixo do salario mínimo. Nese senso, criticou o triunfalismo exhibido polo Goberno nos últimos meses: “en moitos lugares e para moitas persoas que o están a pasar realmente mal faise moi duro que sigan insistindo en que a economía se está recuperando, que a crise vai quedando atrás", e concluíu que “están moi desnortados se cren que se vai crear emprego con crecemento baixo. Se non hai crecemento, se non hai consumo, non vai haber creación de emprego”.

No terceiro trimestre de 2013 as rendas do traballo significaban só o 42,7%, mentres que as rendas empresariais eran o 47,7%

Un dos primeiros efectos da crise foi un cambio histórico na estrutura da renda en España e Galicia. Se en 2009 os ingresos dos asalariados representaban o 48% do PIB galego desagregado en termos de renda, e os beneficios empresariais eran o 43,6%, no terceiro trimestre de 2013 as rendas do traballo significaban só o 42,7%, mentres que as rendas empresariais eran o 47,7%. Unha diferenza que fará máis grande o recorte ou conxelación dos salarios sufrida pola poboación traballadora nos últimos tempos, unida ao mantemento de elevados niveis de desemprego.

O 41,9% dos e das traballadoras galegas perciben soldos brutos inferiores aos 961 euros mensuais

Pero a crise non afecta a todos os asalariados por igual, tampouco. UGT leva a cabo unha análise da evolución dos salarios por treitos. En 2007 as persoas que cobraban menos do salario mínimo (daquela, 570 euros mensuais) eran o 25,2% do total de traballadores. En 2012, a porcentaxe dos que percibían ingresos inferiores ao salario mínimo (641 euros) chega ao 29,6%. Se lles sumamos aqueles que están no treito seguinte (os que cobran até 1,5 veces o SMI) atopamos que o 41,9% dos e das traballadoras galegas perciben soldos brutos inferiores aos 961 euros mensuais. Pola contra, a porcentaxe de persoas que cobran máis de 3 veces o salario mínimo (1.923 euros ao mes) apenas variou nestes cinco anos, pasando do 20% ao 18,9% do total. 

 

Cada vez menos prestacións

En 2007 71.195 galegos e galegas desempregadas non cobraban prestación. En marzo de 2014 o número é de 129.838

Se están a sufrir a crise aqueles trabaladores e traballadoras con salarios máis baixos, moito máis o están a facer aquelas persoas que dependen do ingreso de prestacións sociais, ben de desemprego, ben pensións de xubilación. En 2007 71.195 galegos e galegas desempregadas non cobraban prestación (o 47%), en marzo de 2014 o número é de 129.838 (a mesma porcentaxe). Hai 147 mil parados e paradas que si perciben prestación, pero deles ao redor de 13 mil cobra a Renda Activa de Inserción, e outros 65 mil reciben 426 euros mensuais, como prestación asistencial. Apenas 68 mil desempregados e desempregadas, o 25% do total de persoas en paro en Galicia, cobran a prestación contributiva (cunha contía media de 797 euros mensuais).

UGT sinala que a redución do número de persoas que cobran prestación por desemprego en Galicia (polo incremento dos parados de longa duración) está levando a que o Estado dedique unha partida cada vez menor a este concepto, en concreto no último ano pasou de 148 millóns de euros mensuais a 124 millóns. Un aforro mensual de 24 millóns de euros cada mes, e ao redor de 300 millóns no conxunto do ano que UGT esixe que se destine a políticas sociais e ao apoio aos máis desfavorecidos.

O sindicato sinala que "mentres que estas persoas paradas non retornen ao mercado laboral, é preciso abordarmos a súa situación de emerxencia" mediante a posta en marcha "dunha verdadeira prestación contributiva"

O sindicato sinala que "mentres que estas persoas paradas non retornen ao mercado laboral, é preciso abordarmos a súa situación de emerxencia" mediante a posta en marcha "dunha verdadeira prestación contributiva que se determine, por exemplo, tendo en conta variables coma as cargas familiares, ou a idade de cada persoa" e para unha renda básica asistencial "que englobe os subsidios actuais, a Renda Activa de Inserción, o programa Prepara, vinculando políticas pasivas e activas de emprego para mellorar a cobertura económica e facilitar o acceso ás prestacións".

UGT lembra igualmente que en Galicia nos últimos anos o gasto público destinado a políticas activas de protección social (o 0,3% do PIB) está moi por debaixo da media española (2,5%). "Entendemos que con eses 300 millóns teñen de abondo para conformar unha prestación contributiva e unha rendabásica básica asistencal dignas", conclúe José Domingo Barro, que salienta a importancia de vencellar políticas activas e pasivas de emprego.

Rolda de prensa ofrecida este mércores por UGT. José Domingo Barros, no centro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.