Clamor contra a arbitraxe das preferentes en Santiago

Manifestación dos afectados polas preferentes en Santiago Dominio Público @ivanformigueiro

Milleiros de afectados polas participacións preferentes manifestáronse este sábado en Santiago para volver reclamar unha "solución política e colectiva" para o que os afectados polas emisións preferentes de varias entidades bancarias consideran "unha estafa". Os manifestantes, na súa maioría prexudicados por Novagalicia Banco, insistiron en rexeitar a vía de arbitraxe á que o xoves deron o seu visto e prace o Banco de España e máis a Comisión Europea.

Os afectados insisten en rexeitar a arbitraxe, que consideran "unha burla"

Esa vía desbota completamente a posibilidade dunha solución global para os afectados, tal e como levan reclamando as diversas plataformas constituídas, pero permite a saída desexada pola Xunta e pola propia entidade, que advirte que será “inmediata”. No entanto, a letra pequena é clara. O camiño da arbitraxe queda reducido para unha minoría dos enganados, que sería pouco máis do 10% do global dos afectados, uns 43.000 en toda Galicia, tal e como recordan as diversas plataformas galegas de afectados, que este domingo se manifestaron conxuntamente en Compostela.

Os manifestantes reclaman a devolución íntegra do 100% dos seus cartos

"Hai solución, banqueiros a prisión" foi o lema máis coreado polos afectados na capital galega, nunha protesta que percorreu as rúas da cidade desde a Alameda até a praza da Quintana, pasando polo Parlamento galego. Na marcha puidéronse escoitar múltiples críticas e berros contra Novagalicia e a Xunta de Galicia por uns cidadáns que foron facendo paradas, para amosar o seu rexeitamento, en diferentes sucurssais de NGB. Os "estafados" pola entidade galega consideran "unha burla" a oferta da arbitraxe ofrecida tanto polo Goberno como polo banco e lembran que esta era a solución preferida por ambas as dúas partes. Ademais, reclaman a devolución íntegra "do 100% dos seus cartos".

Algúns afectados lanzaron ovos contra os cristais dalgunha sucursal e pegaron carteis reivindicativos

Algúns dos participantes lanzaron ovos contra os cristais dalgunha sucursal bancaria e pegaron carteis reivindicativos que denuncian o cobramento de indemnizacións millonarias por parte de exdirectivos de Novacaixagalicia como Javier García de Paredes. Voceiros das plataformas consideraron "un éxito" a manifestación e cren que é "unha derrota para Feijóo e para os banqueiros aos que lles dá ordes en Novagalicia".

Jorquera ve na arbitraxe unha "solución falsa"

Por outra banda, o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, acudiu tamén á manifestación para amosar o seu apoio aos afectados e cualificou de "solución falsa" a vía da arbitraxe e avoga por unha "solución global" para as preferentes. O deputado nacionalista tamén se referiu ás cotas máximas alcanzadas pola prima de risco para insistir en que os recortes "non serven para calmar os mercados nin para saír da crise". 

Manifestación dos afectados polas preferentes en Santiago Dominio Público @auribra
Manifestación dos afectados polas preferentes en Santiago Dominio Público @ivanformigueiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.