Cobrar parte do estafado nas preferentes non impide denunciar a Novagalicia

Manifestación dos afectados polas preferentes CC-BY-SA Praza Pública

Tras coñeceren que os aforros que tiñan depositados nas antigas caixas estaban atrapados nuns produtos destinados a grandes investidores financeiros as persoas estafadas coas participacións preferentes e as obrigas subordinadas víronse inmersas nunha arañeira legal que foi tornando máis mesta a medida que mudaban os marcos legais. O último paso foi a resolución que, a comezos de xuño, estableceu a posibilidade de converter estes produtos en accións de Novagalicia Banco. Estas accións poden ser conservadas polos clientes e clientas ou vendidas ao Fondo de Garantía de Depósitos (FGD), que as converte en diñeiro líquido pero coas coñecidas quitas. Se as persoas estafadas acceden a esta liquidez... perden a posibilidade de denunciar a entidade? Non.

Esta é, cando menos, a advertencia que lanza a Asociacion Galega de Afectados por Produtos Financeiros (Agaprofi), que "diante dos comentarios protagonizados por diversos operadores xurídicos a respecto de posibles dúbidas" sobre a "oferta de venda de accións ao FGD para a recuperación de liquidez", quere "facer constar" que "a aceptación da oferta" para vender as accións "de ningún xeito impide o exercicio de accións en reclamación da nulidade" ou "resolución da comercialización dos produtos híbridos", isto é, das preferentes ou subordinadas.

O propio banco admite a posibilidade de que as persoas afectadas inicien accións contra el despois de acceder a liquidez mediante a venda de accións

O "carácter compatíbel da aceptación co mantemento do exercicio de accións xudiciais" contra Novagaliica Banco "reflíctese", segundo explica Agaprofi, "de modo inequívoco" nos documentos oficiais da entidade financeira sobre o proceso de troco en liquidez. "Literalmente", explican, o banco sinala que "a aceptación polo cliente da oferta non implica renuncia pola súa parte ao exercicio fronte a NCG Banco, S.A. de cantas accións puidese formular en relación co proceso de comercialización das obrigas subordinadas e/ou participacións preferentes, incluídos os eventuais vicios no consentimento padecidos, no seu caso, por aquel ao tempo de dita comercialización".

Así as cousas, dado que recuperar parte dos cartos non impide litigar coa entidade se quen reclama considera que foi estafado, Agaprofi "aconsella" que, "de maneira simultánea á aceptación da liquidez", o cliente ou clienta "presente na oficina da entidade un documento de reserva de accións no que se reflicta que se considera dita liquidez como mero pagamento a conta das cantiaddes a percibir en execución da eventual sentenza que se dite no procedemento xudicial oportuno", isto é, se finalmente un xulgado decreta a nulidade do contrato, Novagalicia tería que pagar a diferenza entre os cartos achegados coa venda de accións e o total da cantidade atrapada en preferentes ou subordinadas.

Gráfico explicativo de Novagalicia sobre o troco de subordinadas e preferentes © NCG Banco

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.