Comeza o xuízo a Iberdrola por manipular centrais do Sil para encarecer a electricidade e dous directivos acusan a un ordenador

Feijóo e o máximo responsable de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, na ampliación en 2017 dunha das centrais do Sil implicadas na manobra que agora xulga a Audiencia Nacional © Xoán Crespo

A empresa obtivo uns beneficios ilegais de máis de 21 millóns de euros segundo a Fiscalía, que pide unha multa de 85 millóns, e a Comisión da Competencia, que xa multou con 25 millóns pero cuxa sanción está pendente do resultado xudicial

A Audiencia Nacional acolleu este martes o inicio do xuízo contra Iberdrola e catro dos seus directivos por manipular no outono de 2013 a produción eléctrica nos seus encoros dos ríos Sil, Douro e Texo para así elevar o prezo doutras fontes de enerxía e obter máis beneficios. Coas súas manobras a empresa obtivo uns beneficios de máis de 21 millóns de euros, segundo coinciden a Fiscalía e a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC). A primeira pide agora no xuízo unha multa de 85 millóns de euros e a segunda xa multou en 2015 á empresa con 25 millóns, pero esa sanción está pendente do resultado xudicial que se produza agora.

Sede central de Iberdrola en Bilbao © Iberdrola

Segundo as acusacións, entre o 30 de novembro e o 23 de decembro de 2013 a empresa eléctrica que lidera Ignacio Sánchez Galán reduciu artificialmente a capacidade de produción das súas centrais no Sil, Douro e Texo para así "elevar o prezo no mercado" doutras fontes de enerxía nunhas xornadas de elevada demanda. A hidroeléctrica é unha das fontes de enerxía máis baratas, pero ante a súa escaseza, provocada segundo a Fiscalía non por causas naturais senón por unha decisión deliberada de Iberdrola, o sistema eléctrico estatal tivo que recorrer a outras fontes máis caras que condicionaron o prezo global e acabaron dando máis beneficios a Iberdrola.

Dous directivos de Iberdrola din que non houbo "consigna nin estratexia" e que o prezo da enerxía establecíase de forma "automática" cunha "ferramenta informática"

A situación chegou ao extremo de que o Goberno de España, daquela con Mariano Rajoy á fronte, interveu o mercado. En 2015 a CNMC impuxo unha multa "moi grave" de 25 millóns de euros. E en 2017 a Fiscalía Anticorrupción acabaría denunciando os feitos ante a Audiencia Nacional, que o pasado ano considerou que había indicios suficientes para levar a xuízo a Iberdrola e catro dos seus directivos, o director de Xestión da Enerxía, Ángel Chiarri, e os responsables de Optimización, Xestión de Recursos e Trading, Gregorio Relaño; Xestión de Activos, José Luis Rapún; e Mercados a Curto Prazo e Xeración Global, Javier Paradinas. 

Sede da Audiencia Nacional, na rúa Génova de Madrid © Poder Xudicial

Este martes, no inicio da vista oral, declararon Chiarri e Relaño, que aseguraron que non houbo ningunha "consigna nin estratexia" por parte de Iberdrola e que o prezo ao que ofertaba a súa enerxía no mercado establecíase de forma "automática" en función da capacidade de xeración e doutros condicionantes por parte dunha "máquina" ou "ferramenta informática".

Para os catro directivos agora xulgados a Fiscalía pide respectivamente dous anos de cadea, inhabilitación para emprego público ou relacionado coa enerxía e multa de arredor de 150.000 euros. E para a propia empresa unha multa duns 85 millóns de euros, catro veces o beneficio obtido

Feijóo e Sánchez Galán en 2017 nunha das centrais implicadas cando xa se coñecía a multa de Competencia, de 2015 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tres anos despois dos feitos Feijóo gabou nunha das centrais implicadas a ampliación que viña realizarse para "reducir un dos principais gastos de fogares e empresas, especialmente nos momentos punta de demanda"

Tras aqueles feitos de decembro de 2013 agora xulgados, e cando xa se coñecía a sanción de Competencia de 2015, en xaneiro de 2017 Feijóo acompañou o máximo responsable de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, na inauguración da ampliación dun dos complexos eléctricos do Sil implicados no ocorrido tres anos antes. Naquel acto o xa ex-presidente da Xunta gabou as actuacións de Iberdrola por "permitir reducir un dos principais gastos que teñen que soportar os fogares e as empresas, especialmente nos momentos punta de demanda”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.