Como en Islandia, como en Islandia

Reykjavik Dominio Público Praza Pública

Por moito que o tente disimular co espectacular edificio Harpa ou con algún que outro rañaceos de recente construción, a Reykjavik non hai quen lle quite ese aire de asentamento de mariñeiros e labregos chegados doutras terras a colonizar a fría e volcánica Islandia. Estamos a primeiros do mes de xuño e aínda é necesaria a que para nós é roupa de inverno, a duras penas superamos os dez graos de máxima.

Ademais de fría, Reykjavik é unha cidade pequena e sobre todo moi tranquila. Primeiro aviso. Equivócase quen veña a Islandia pensando que está diante dun laboratorio revolucionario para a construción dunha nova sociedade post-capitalista, ou quen agarde atopar mostras visíbeis da revolta social que fai apenas tres anos tombou ao goberno e levou aos tribunais a boa parte dos responsábeis dunha das máis grandes desfeitas financeiras coñecidas. O que atopará, a simple vista cando menos, é o transcorrer pousado e ordenado dunha sociedade tipicamente escandinava, cun punto mesmo de aburrimento e monotonía.

Tráeme a Islandia o programa Erasmus e en concreto o acordo establecido ao seu abeiro entre a Facultade de Económicas e Empresariais da USC e a súa homónima na Universidade de Reykjavik (RU). Islandia está de moda por razóns obvias e nada alleas ao gremio dos economistas. Aproveito para entrevistarme con dous economistas que coñecen ben o que pasou e está a pasar na illa dende a caída do seu sistema financeiro. Porque, como todo o mundo sabe, aquí pasou o que pasou. Recordemos.

A finais de 2008 os tres principais bancos do país sofren un colapso por non atopar liquidez suficiente para atender os seus pagos. Estes bancos experimentaran un crecemento espectacular dos seus activos e da súa actividade crediticia, nun período moi curto de tempo. Tamén medrara de xeito exponencial a súa débeda, cunha diferenza, mentres os activos tiñan unha madurez de medio e longo prazo, a débeda, isto é, o seu financiamento, era fundamentalmente de curto prazo. En apenas oito anos os activos do sector financeiro islandés fóra e dentro do país chegan a multiplicar por 11 o PIB da illa mentres que súa débeda alcanza cifras 5 veces superiores. 

A burbulla estaba formada, só faltaba o detonante. E este chegou coa crise financeira norteamericana que tivo como consecuencia inmediata o peche do mercado interbancario e tamén o deterioro de moitos activos nos que investira a banca islandesa

A burbulla estaba formada, só faltaba o detonante. E este chegou coa crise financeira norteamericana que tivo como consecuencia inmediata o peche do mercado interbancario e tamén o deterioro de moitos activos nos que investira a banca islandesa (tamén atrapada en derivados subprime). O colapso foi cuestión de días e o sector financeiro tivo que ser nacionalizado sendo os depósitos dos nacionais islandeses garantidos. Non o foron, con todo, as débedas exteriores nin tampouco os depósitos de milleiros de holandeses e británicos subscritos nas filiais dos bancos islandeses neses países. Volveremos sobre este tema máis adiante.

En cuestión de meses o goberno cae e convócanse eleccións entrando no gabinete unha coalición de socialdemócratas e da esquerda verde

Como consecuencia do anterior produciuse unha saída de capitais inmediata e unha forte depreciación da Corona Islandesa, provocando unha abrupta suba nos prezos e nos tipos de xuro, co conseguinte impacto nunha sociedade fortemente endebedada. O goberno veuse na obriga de establecer un férreo control de capitais e solicitar un préstamo ao FMI e a outros organismos que impoñería condicións ben coñecidas por todos nós, pois foron semellantes ás implementadas nos Estados Europeos “rescatados”. O préstamo ascendeu a 3.670 millóns de euros, isto é, cerca dun 25% do PIB Islandés nese ano. A resposta social foi tamén inmediata, as protestas en xeral pacíficas sucedéronse diante do goberno e das entidades financeiras. En cuestión de meses o goberno cae e convócanse eleccións entrando no gabinete unha coalición de socialdemócratas e da esquerda verde. Ao mesmo tempo, comezan unha serie de procesos xudiciais contra os responsábeis da desfeita que afecta tanto a banqueiros, como a responsábeis políticos e financeiros.


Conversas cos profesores Gudrún Johnsen e Ólafur Ísleifsson

En primeiro lugar atópome con Gudrún Johnsen, profesora da RU especialista en Finanzas e que a pesares da súa xuventude, conta cunha dilatada experiencia no sector financeiro, incluíndo o FMI e varios bancos así como en universidades de Estados Unidos, país onde residiu durante 8 anos antes de regresar a Islandia. Gudrún foi unha das seis persoas elixidas para formar parta dunha comisión técnica que investigou as causas do rebentón financeiro de 2008. Unha comisión con plenos poderes para investigar, con acceso total ás contas dos tres bancos quebrados e aos arquivos dos organismos públicos. Mesmo con acceso ao ordenador portátil do Primeiro Ministro, afirma para dar conta da capacidade desa comisión de investigación.

O modesto sector financeiro islandés e nomeadamente os tres grandes bancos quebrados crearon unha maraña de sociedades ficticias de enorme complexidade que servía basicamente para salvar os controis de regulación existentes. Pero tamén a regulación fallou

Gudrún apunta como causa principal do colapso do sistema financeiro islandés o excesivo e descontrolado crecemento do crédito consecuencia, a súa vez, de dous factores. Por unha banda estarían os incentivos perversos dos executivos e xestores das entidades financeiras. Os salarios destas persoas comezaron a depender cada vez nunha maior porcentaxe dos niveis de beneficios das súas entidades o cal impulsou a querenza polos investimentos de alto risco que permitían ganancias ao curto prazo e, o que é o peor, pola manipulación dos libros e rexistros contábeis desas empresas. O modesto sector financeiro islandés e nomeadamente os tres grandes bancos quebrados crearon unha maraña de sociedades ficticias de enorme complexidade que servía basicamente para salvar os controis de regulación existentes. Pero tamén a regulación fallou.

Na opinión desta profesora, estaríamos diante dun problema de incompetencia e desleixo do regulador financeiro, o Banco Central Islandés, e dos encargados de economía e finanzas do goberno. Gudrún pon especial fincapé nesta cuestión ao resultar demasiado evidente que os supervisores miraron para outro lado cando recibían avisos de que “non era normal” o crecemento vertixinoso do crédito concedido por estas entidades. Ela en persoa remitiu os resultados dun informe do que é coautora realizado en 2005 no FMI e que advertía deste perigo, dirixiuno tanto a responsábeis políticos como a supervisores do sistema financeiro, e “non fixeron nada”, sinala.

Converso ao día seguinte con Ólafur Ísleifsson, un profesor cunha dilatada carreira tanto no eido universitario como no financeiro e que tamén desenvolveu labores de xestión tanto no FMI como no goberno e no banco central de Islandia. Na actualidade Ólafur mantén unha axitada axenda mediática, con intervencións en medios nacionais e internacionais, onde trata aspectos económicos e políticos derivados da crise. Á diferenza de Gudrún, o seu é un perfil máis achegado á política e quizais menos técnico, aínda que afirma non estar enrolado en partido algún. Comenta que o sector bancario islandés medrou esaxeradamente produto da borracheira de liquidez provocada polos mercados financeiros nas década pasadas.

Ólafur estivo en tódalas manifestacións contra o goberno e o sector financeiro pois “sabía que nos atopabamos diante dun momento histórico

A única diferenza é que aquí medrou máis que noutros lados, afirma Ólafur, por tanto unha vez que cae Lehman Brothers en 2008 as consecuencias foron tamén maiores. Xustifica a negativa do goberno islandés a atender as débedas externas dos seus bancos pois, simplemente, eran demasiado grandes para poder ser soportadas. Ólafur estivo en tódalas manifestacións contra o goberno e o sector financeiro pois “sabía que nos atopabamos diante dun momento histórico, e non quería perdermo de ningún xeito”, asegura mentres evita que as súas Ray-Ban rematen no chan.

 

As consecuencias sociais

O principal problema para os cidadáns veu da man dunha suba abrupta no custe da vida. Isto debeuse en primeiro lugar á elevación dos tipos de xuro o cal repercutiu nun encarecemento das hipotecas

Evidentemente a sociedade islandesa pagou un prezo elevado pola crise. Mais non tanto como puidera reflectirse da cobertura dos medios de comunicación. En realidade os problemas concentráronse no sector financeiro e non tanto na economía real que, como veremos máis adiante actúa como verdadeiro salvavidas da illa. O principal problema para os cidadáns veu da man dunha suba abrupta no custe da vida. Isto debeuse en primeiro lugar á elevación dos tipos de xuro o cal repercutiu nun encarecemento das hipotecas. Lembremos que en Islandia creouse unha burbulla inmobiliaria semellante, na súa dimensión relativa, á española.

O segundo problema débese xustamente da forte suba dos prezos, a inflación chegou a estar ao 14%, debido á depreciación e ao conseguinte encarecemento dos bens importados. A isto temos que sumarlle os efectos do plan de estabilización acordado co FMI, que implicaron unha suba dos impostos e unha recorte do gasto público (aínda que só a partir do segundo ano de vixencia do plan, aspecto que non é moi coñecido, pois o propio FMI entendía que os recortes non podían aplicarse xusto no momento máis delicado da crise). Os traballadores públicos viron como os seus salarios se recortaban un 10% en termos nominais, un recorte non moi diferente ao aplicado en España en 2010, se ben con maiores efectos no poder adquisitivo pola forte suba dos prezos.

Protestas en Islandia © geahistoria.blogspot.com
Manifestación diante do Parlamento Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.