Competencia leva a Xunta ante a xustiza polas súas restricións ás vivendas turísticas

Feijóo na recente presentación da Estratexia de Turismo de Galicia, elaborada polo clúster de empresas do sector Dominio Público Xunta de Galicia

De nada serviu o intento da Xunta de corrixirse a si mesma e tentar matizar a posteriori o seu Decreto sobre vivendas turísticas a través dunha figura legal que só empregou tres veces en toda a súa historia. Este mércores a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) vén de informar da interposición dun recurso contencioso-administrativo contra o Goberno galego por considerar que este non atendeu o requirimento que lle realizou en abril para corrixir adecuadamente o decreto, que considera “contrario á competencia e aos principios de regulación económica eficiente”.

Os matices que o Goberno galego tentou introducir no seu decreto non convencen ao órgano estatal, que xa lle pedira unha corrección en abril, cando Feijóo criticou a súa “dilixencia”

O decreto co que o Goberno galego quere regular as vivendas turísticas foi publicado no Diario Oficial de Galicia o pasado 10 de febreiro e dous meses despois, o 7 de abril, a Comisión da Competencia envioulle un requirimento para que o corrixise por entender que varios dos requisitos que esixía son discrecionais e atentan contra a libre competencia. Naquel momento o propio presidente Feijóo criticou a “dilixencia” coa que Competencia se pronunciara sobre o decreto galego fronte á súa lentitude para atender a denuncia previa da Xunta sobre outro asunto, a suposta falta de competencia en Galicia no sector dos carburantes, cos prezos máis altos do Estado.

Competencia critica a norma da Xunta por "contraria á competencia e aos principios de regulación económica eficiente”

Un mes despois do requirimento de Competencia, o Goberno galego publicou no DOG unha “instrución interpretativa”, figura á que previamente só recorrera outras dúas veces na súa historia e para cuestións de rango inferior. Naquel momento, Feijóo desviou responsabilidades cara a Asesoría Xurídica da Xunta e dixo que fora ela a que “plantexou facer unha instrución para garantir unidade de criterio na aplicación do decreto”, unha frase que revelaría que a norma inicial permitía unha aplicación discrecional, como denunciara Competencia. Porén, eses matices introducidos coa “instrución interpretativa” non convenceron a Competencia, que agora recorre á xustiza ordinaria tanto contra o decreto da Xunta como contra outro similar da Junta de Castilla y León.

Segundo insiste novamente Competencia, “entre os obstáculos inxustificados impostos pola norma de Galicia destacan a obrigatoriedade de ceder a vivenda na súa totalidade, a limitación do alugueiro a tres meses, a esixencia dun catálogo de requisitos técnicos e servizos mínimos a incluír no alugueiro” ou “que os Concellos poidan limitar o número de vivendas”. O órgano estatal salienta que “cos requirimentos de abril pretendíase argumentar a necesidade de mellorar as normas e evitar a vía contencioso-administrativa. No tempo transcorrido entre os requirimentos e a interposición efectiva do recurso xudicial, os Gobernos Autonómicos de Galicia e de Castilla y León puideron mellorar ou anular as restricións inxustificadas postas de relevo pola CNMC, en beneficio dos consumidores e usuarios”, algo que ao seu xuízo non fixeron.

Airbnb amosárase contraria á norma galega, defendida polos hoteleiros tradicionais

Cando a Comisión da Competencia emitiu o seu requirimento e a Xunta tentou matizar o seu decreto, a plataforma dixital Airbnb, que facilita que particulares aluguen “estadías” dentro da súa propia vivenda, amosou a súa satisfacción. Porén, a actuación de Competencia foi criticada polo denominado Clúster de empresas turísticas de Galicia, que agrupa o sector da hostalería máis tradicional e ao que a Xunta entregou hai tempo a definición das súas políticas turísticas.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.