Competencia xustifica que a Administración interveña ante os "abusos" no mercado lácteo

Protesta sindical polos prezos do leite © Sindicato Labrego Galego

A intervención da Administración está xustificada ante a existencia de "desequilibrios inherentes" nun mercado lácteo galego no que "algo falla" e onde os gandeiros "poderían estar sendo vítimas dun abuso da súa situación de dependencia económica respecto a industria tranformadora". Así de contundente se manifestou este martes Francisco Hernández, presidente do Consello Galego da Competencia, tras presentar un informe sobre o sector no país, que que representa sobre o 40% do conxunto do Estado.

O Consello Galego da Competencia constata as "disfuncionalidades" dun mercado onde os gandeiros son os máis prexudicados

O informe chega logo de constatar a "evidencia empírica" de que existen "certas disfuncionalidades" nun mercado "con claras anomalías". Así, Hernández pon o foco nos longos períodos nos que os produtores reciben polo leite un importe inferior ao custo de produción, algo especialmente grave de ter en conta que hai un déficit deste produto no Estado, que Galicia é quen máis produce e que as granxas levan anos modernizándose. Por iso, Hernández xustifica a intervención estatal, algo que cre que xa ten un "éxito razonable" con medidas ocmo o paquete lácteo, que permitiu reducir o diferencial galego con outras comunidades nun 40%.

Pero queda moito por facer. Así, aludiu ao impulso dos contratos-tipo, pero tamén á necesidade da creación de organizacións de produtores para que os gandeiros conten con máis forza negociadora e evitar así os abusos. No mesmo informe, destácase como o procesado e o envasado de leite está "bastante concentrado", mentres a produción segue a ser "moi atomizada". "Isto provoca que os gandeiros teñan un poder de negociación moi baixo ou inexistente en relación coas procesadoras que adquiren o seu leite cru", destaca.

O informe avoga pola creación de organizacións de produtores para aumentar o seu "poder de negociación"

Con estes desequilibrios e asimetrías, as consecuencias son "especialmente graves para os integrantes máis débiles da cadea". O informe tamén denuncia a "posición de privilexio" das industrias, así como "unha asimetría informativa" que implica que os produtores non coñezan as condicións comerciais ata que cobran polo leite. Ante a posibilidade de incluír unha referencia ao custo de produción para determinar o precio na futura Lei de Calidade Alimentaria -e tan reclamado polos sindicatos agrarios-, Hernández considéraa unha "medida importante", pero "complexa" e incluso con dificultades de aplicación. "Non sabemos o caso que lle van facer" a esa reivindicación que chega de Galicia e coa que se chegou a comprometer a Xunta.

Competencia cre "importante" incluír a referencia ao custo de produción na nova lei, pero ve "complexo" que se aplique

Por outra banda, o Consello Galego da Competencia denuncia varias prácticas abusivas, como a de venda a perdas de marcas brancas empregadas como produto reclamo. Hernández entende que esta situación se produza de maneira "puntual", pero engade que "non pode ser que as perdas que se asumen con estas promocións as grandes superfices acaben sendo pagadas polos gandeiros". "Que vendan ao prezo que queiran, pero que asuman elas o custo", reivindicou.

"Que as grandes superficies vendan ao prezo que queiran, pero que asuman elas o custo"

Ademais, o informe tamén recolle as denuncias de gandeiros e sindicatos, que alertan "dun reparto do mercado de recompra de leite cru entre as empresas que recolle en envasan, ocasionado polas dificutlades dos gandeiros de cambiar de comprador". Ante esta situación, engádese que tamén se poderían "dar acordos de prezos de compra de leite cru entre as empresas transformadoras", unha estratexia "baseada no seguimento dun líder que impón os prezos de compra á baixa, pero de forma rotatoria para dificultar que se coñeza esta práctica".

Tamén se fai eco o informe da denuncia dos produtores, que advirten de que "algunhas empresas transformadoras importan leite cru desde Francia cun prezo inferior ao que reciben os gandeiros franceses e que este prezo, que é moi baixo, inflúe nos prezos que reciben os produtores galegos".

 

Cartel denuncia na manifestación dos gandeiros CC-BY-SA Óscar Antón Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.