O PIB per capita en Galicia era no ano 2023 de 28.530 euros, cun importante incremento nos últimos anos (un 25,5% máis dende o 2018), especialmente dende o 2021. As cidades sitúanse maioritariamente por riba da media
É Carballeda de Valdeorras o concello máis rico de Galicia? Non o parece. É Muras o segundo? Probablemente non. Con todo, estas dúas localidades encabezan a listaxe dos concellos cun maior Produto Interior Bruto por habitante, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, correspondentes ao ano 2023.
A estatística dá conta do Produto Interior Bruto municipal total e, igualmente achega a información comparada coa poboación de cada lugar. Trátase dun bo indicador da riqueza xerada en cada lugar, aínda que non da riqueza da que realmente gozan os seus habitantes. No mapa amósase o PIB municipal en termos relativos á súa poboación, unha información que ten varias sorpresas.
O PIB per capita en Galicia era no ano 2023 de 28.530 euros, cun importante incremento nos últimos anos (un 25,5% máis dende o 2018), especialmente dende o 2021. As cidades sitúanse maioritariamente por riba da media: Santiago, 48.686; A Coruña, 38.068; Vigo, 33.147; Lugo, 29.847; Pontevedra, 29.662; Ferrol, 29.022. Ourense (27.495) é a única excepción.
Unha serie de concellos de menor poboación que acollen unha importante actividade industrial sitúanse moi por riba deses datos. É o caso de Carballeda de Valdeorras (174.564 euros por habitante), Muras (127.288 euros grazas ás súas instalacións de xeración de enerxía eólica), San Cibrao das Viñas (96.929) ou Arteixo (92.720)
Porén, unha serie de concellos de menor poboación que acollen unha importante actividade industrial sitúanse moi por riba deses datos. É o caso de Carballeda de Valdeorras (174.564 euros por habitante), Muras (127.288 euros grazas ás súas instalacións de xeración de enerxía eólica), San Cibrao das Viñas (96.929) ou Arteixo (92.720). Outras localidades, como Rábade, Padrón, O Porriño, Bergondo, As Somozas, As Pontes, Rodeiro ou Curtis reproducen o fenómeno, o mesmo que Vilariño de Conso e a súa xeración de enerxía hidroeléctrica.
É o PIB municipal un bo indicador da riqueza real da poboación dunha localidade? Nalgúns casos máis e noutros en absoluto. Para isto semella máis recomendable recorrer aos datos de renda per capita que sitúan Oleiros, Bergondo e Nigrán como os concellos máis podentes de Galicia, por diante da Coruña e Santiago.
En localidades como Padrón, As Pontes, Valga, O Pereiro de Aguíar, San Cibrao das Viñas, Ribadumia e O Porriño máis do 50% do VEB municipal é achegado pola industria
O PIB municipal, o mesmo que o Valor Engadido Bruto (VEB), que non inclúe impostos indirectos nin subvencións, varía moitítisimo duns concellos a outros, evidentemente. Dende os 9.760 millóns de euros de PIB de Vigo ou os 9.451 millóns da Coruña ata os pouco máis de 5 millóns de Negueira de Muñiz ou os pouco máis de 6 millóns de Beade ou Quintela de Leirado.
Pero máis interesante que as contías totais pode ser observar as distintas orixes da riqueza xerada en cada concello. O sector servizos é o responsable do 70% do PIB galego e é maioritario en case todos os concellos, pero hai amplas diferentes entre o 82% que supón en Santiago de Compostela e o 78% de Betanzos e Arteixo ata o 24% de Valga, e iso tendo en conta unicamente os concellos de máis de 5.000 habitantes, as localidades para as que o IGE achega información.
O sector primario, pola súa banda, é especialmente importante en Cospeito, Castro de Rei, Guitiriz, Muxía, Arzúa, Silleda, Oza-Cesuras ou Santa Comba, onde achega máis do 20% do valor engadido bruto
Pola contra, en localidades como Padrón, As Pontes, Valga, O Pereiro de Aguíar, San Cibrao das Viñas, Ribadumia e O Porriño máis do 50% do VEB municipal é achegado pola industria, case que inexistente en moitos outros concellos.
Oleiros, Sanxenxo, Miño, Brión, Meaño, Bergondo e Carballo son os concellos de máis de 5.000 habitantes nos que a construción achega unha parte máis importante do PIB municipal, ata un máximo do 18%.
O sector primario, pola súa banda, é especialmente importante en Cospeito, Castro de Rei, Guitiriz, Muxía, Arzúa, Silleda, Oza-Cesuras ou Santa Comba, onde achega máis do 20% do valor engadido bruto. Por certo, o concello no que o sector primario xera máis riqueza en termos absolutos é Vigo, por diante de Lalín, Sarria e Silleda.
Atopamos unha serie de comarcas cunha clara especialización produtiva
Una análise semellante pódese facer por comarcas, para as que o IGE achega mesmo información sobre o PIB xerado en cada subsector. Atopamos así, unha serie de comarcas cunha clara especialización produtiva, como O Sar, Caldas, O Carballiño e O Salnés (especializadas en metalurxia e maquinaria) ou Betanzos, Ordes, Santiago, Lugo e Tabeirós-Terra de Montes (en madeira, papel e mobles).
Tamén hai comarcas especializadas en industrias extractivas (Ortegal, Valdeorras, O Baixo Miño, Quiroga e O Condado), en fabricación de materiais de transporte e reparacións (Ferrol e Vigo) e un total de 11 comarcas especializadas en enerxía, subministro de auga e xestión de residuos (como Eume, Fisterra, Terra de Trives ou Chantada). Hai, igualmente, 20 comarcas con especialización produtiva no sector primario, dende Deza á Terra Chá, pasando pola Ulloa ou A Mariña.
Finalmente, atopamos especializacións que só se dan nunha comarca, coma a industria agroalimentaria (O Barbanza), a hostalaría (O Morrazo) ou a construción (Bergantiños)