Condenado un construtor e absolto o presidente da patronal coruñesa tras perder veciñanza de Culleredo varios soares

Terreos implicados na operación que os veciños cederon a cambio de pisos que nunca recibiron CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza di que o promotor Gómez Landeira cometeu alzamento de bens ao poñer os terreos como garantía dun préstamo que lle deu Antonio Fontenla, que acabou quedando con eles e obtendo beneficios

O xulgado do Penal número 4 da Coruña vén de condenar o empresario do sector inmobiliario e da construción Manuel Gómez Landeira a oito meses de prisión por un delito de alzamento de bens. Faino responsable de que veciñanza de Vilaboa, en Culleredo, perdese os soares que lle cederan para edificar neles porque os puxo como garantía para recibir un préstamo do tamén empresario inmobiliario e presidente da patronal coruñesa, Antonio Fontenla, que quedou con eles cando o primeiro non lle devolveu o crédito. Porén, Fontenla e un apoderado seu, que tamén estaban acusados de estafa, quedaron absoltos. 

Terreos no centro de Vilaboa, en Culleredo, implicados no préstamo entre Fontenla e Landeira CC-BY-SA Praza Pública

Os feitos remóntanse a 1999, cando unha vintena de veciños de Culleredo cederon varios terreos da súa propiedade a Promociones Naiguata, do construtor Manuel Gómez Landeira, a cambio de que, unha vez o permitise o plan de urbanismo daquela en tramitación, edificase neles e lles entregase a cambio varios pisos. O plan demorouse, o construtor nunca edificou e en 2009 Promociones Naiguata pediu un crédito a outra empresa, Monelos Aparcamientos, de Antonio Fontenla, na que era apoderado o terceiro acusado. Foi un millón de euros con devolución en só dous meses cuns xuros do 1%. Pero a primeira empresa non devolveu os cartos e aos poucos meses a segunda reclamou nos tribunais, que lle deron en compensación os terreos de Culleredo, quedando así os veciños sen soares e sen os pisos nunca construídos.

A xuíza conclúe que o condenado era "consciente do prexuízo que ocasionaba" aos veciños que lle cederan os seus terreos ao poñelos como garantía do préstamo que non devolveu

Por eses feitos foron xulgados hai uns meses os tres implicados e agora vén de emitirse a sentenza, con data do pasado 26 de setembro. No xuízo a Fiscalía xa non acusou a Fontenla e o seu apoderado por considerar que a súa participación no caso non fora constitutiva de delito, pero si tiveron que facer fronte igualmente á acusación da veciñanza afectada. 

Agora, na sentenza, a xuíza desestima o delito de estafa impropia do que se acusaba a Gómez Landeira “pois a proba practicada non permite concluír que o préstamo non se perfeccionase realmente”. Tamén di que “non pode afirmarse, polo menos coa taxatividade esixible nesta orde penal, que ao formalizar o contrato de préstamo os acusados [Fontenla e o seu apoderado] obrasen en connivencia co acusado Manuel Gómez Landeira para prexudicar aos acredores querelantes [a veciñanza]”. O que non impide que a propia maxistrada recoñeza que “sen dúbida a entidade prestamista [Fontenla] obtivo beneficios como consecuencia do procedemento de execución”, pero sen que iso permita “inferir” que fose froito “dunha manobra defraudatoria ideada ao formalizar o contrato de préstamo en 2009”.

Sentenza que condena ao empresario Manuel Gómez Landeira por alzamento de bens cuns terreos en Culleredo CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza engade que en todo caso “na conduta do acusado [Gómez Landeira] concorren os requisitos que esixen o delito de alzamento de bens” xa que “sabía” que os veciños “tiñan intención de iniciar accións xudiciais para resolver os contratos de permuta” coa súa empresa Promociones Naiguata e recuperar os terreos que lle cederan e nos que aínda non construíra. Aínda así, Gómez Landeira pediu o préstamo poñendo como garantía eses terreos pero destinando os cartos recibidos non a Promociones Naiguata senón a outra empresa distinta súa, algo que segundo a sentenza fixo “consciente el mesmo do prexuízo que con tal acción ocasionaba aos acredores”.

Ademais da pena de oito meses de cadea, a sentenza tamén condena a Gómez Landeira a indemnizar con 120.000 euros a cada un dos veciños que o acusaban, cifra á que xa fora condenada a pagar en 2011 a súa empresa Promociones Naiguata noutro proceso civil previo sen que finalmente desembolsase nada pola súa quebra. Contra a actual sentenza pode interpoñerse recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Vivendas antigas que había en parte dos solares permutados de Culleredo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.