Construción, transporte e hostalaría centran a actividade das novas empresas galegas de rápido crecemento

Teko Wood Solutions, en Vilar de Santos, é a primeira 'empresa gacela' de Galicia © Teko Wood

En economía denomínanse 'empresas gacela' aquelas compañías de constitución recente (menos de 5 anos de actividade) que crecen moi rapidamente, incrementando a súa facturación máis dun 20% anualmente, superando os 500.000 euros anuais e os 10 empregados e empregadas. No conxunto do Estado español unhas 834 compañías cumpren con estes parámetros, segundo un informe publicado pola consultora Iberinform, do grupo Crédito y Caución, do que se fai eco El País.

Das 834 empresas gacela españolas, 41 sitúanse en Galicia. 18 na provincia da Coruña, 16 na de Pontevedra, 4 en Ourense e 3 en Lugo

Delas, 41 sitúanse en Galicia, 18 na provincia da Coruña, 16 na de Pontevedra, 4 en Ourense e 3 en Lugo. A Coruña é a cidade galega con máis empresas deste tipo (8), seguida de Vigo (5), Compostela (4) e San Cibrao das Viñas (2). Galicia é a quinta comunidade cun maior número destas empresas, pero co mesmo número que Murcia (que ten moita menos poboación) e con só unha compañía máis que as Illas Canarias.

Ao igual que sucede no conxunto de España, chama atención que entre estas empresas de crecemento rápido son poucas as centradas nas novas tecnoloxías. De feito, a maior parte delas traballan en sectores moito máis tradicionais, como a construción, os transportes ou a hostalaría.

"En pleno boom das startups tecnolóxicas, sería lóxico esperar que as novas iniciativas empresariais máis exitosas xurdisen no mundo dixital e tecnolóxico. Pero non. Unha das primeiras conclusións é que só unha minoría delas opera nos sectores vinculados á innovación, como o TIC", sinala Iberinform no seu informe.

Entre as 41 empresas galegas que contan con estas características, a compañía de construción Teko Wood Solutions, de Vilar de Santos, é a que máis rápido está a medrar

Entre as 41 empresas galegas que contan con estas características, a compañía Teko Wood Solutions, de Vilar de Santos (Ourense), é a que máis rápido está a medrar, situándose no posto 23 no total das 834 de toda España. Teko Wood empresta servizos para a construción con recubrimentos de molduras e perfís sobre bases de aluminio ou contrachapado. Conta con 38 traballadores/as e unha facturación anual de 4,4 millóns de euros.

A seguinte con maior crecemento sería Bysidecar, da Coruña, con 80 empregados/as e uns ingresos no ano 2018 de 3,8 millóns. A empresa, a 47ª en todo o Estado en ritmo de crecemento, dedícase á consultoría e ao marketing dixital. 

En terceiro lugar aparece Central Tulonja (Narón), que distribúe en todo o Estado peixe e marisco de Galicia. É a 65ª empresa gacela de España con maior crecemento e conta con 11 traballadores/as e 2,4 millóns de facturación.

A empresa viguesa de reparto Quepidohoy é a compañía galega de rápido crecemento que conta con máis empregados/as, cun total de 545. Finalmente, a empresa gacela  de Galicia con máis facturación é Nueva Pescanova (105,6 millóns de euros), que aparece incluída nesta listaxe trala súa refundación en setembro do ano 2015.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.