Continúan os ERE nos sindicatos: UGT propón o despido de 36 traballadores

Manifestación en Santiago contra a reforma laboral CC-BY-SA Merixo

A crise e os recortes afectan a todos e tamén -ou moi especialmente- aos sindicatos, que ven reducidas as achegas dos seus propios afiliados e sobre todo os fondos públicos para realizar actividades formativas. Nos últimos meses practicamente todas as centrais víronse obrigadas a realizar despedimentos, en maior ou menor número, de forma temporal ou permanente e con unhas ou outras condicións. Nestes casos sempre se observa con especial detemento as condicións ofrecidas aos traballadores que perden o seu emprego e até que punto as centrais aproveitan as facilidades e flexibilidades ofrecidas pola novas lexislación aprobada polo Goberno de Rajoy. Unha reforma laboral contra a que os sindicatos se mobilizaron durante meses e que mesmo se converteu no principal argumento para a convocatoria da primeira folga xeral do 2012.

Agora UGT-Galicia prepara un ERE para despedir 36 dos seus 111 traballadores nunhas condicións que a priori non melloran moito as marcadas polo Executivo de Rajoy: ofrécese unha indemnización de 22 días por ano traballado cun tope de 12 meses, dous días máis do mínimo fixado. As delegacións con máis despedimentos serían Santiago con seis, Pontevedra con catro e A Coruña con tres. O resto dos traballadores verán recortado o seu soldo nun 30%. O ERE está neste momento en fase de negociacións.

UGT-Galicia, a través do seu secretario xeral José Antonio Gómez, defénde salientando que as condicións son mellores que as marcadas pola lei

UGT-Galicia, a través do seu secretario xeral José Antonio Gómez, defénde salientando que as condicións son mellores que as marcadas pola lei e que ao redor dun terzo das persoas afectadas están vinculadas a un programa de orientación laboral suprimido pola Xunta. Ademais engade que os despedidos que se insiran nunha das chamadas bolsas de emprego terán dereito a un pagamento de 27 días por ano traballado. Gómez argumenta finalmente que o Estatuto dos Traballadores xa recolle a posibilidade de ofrecer unha indemnización de 20 días cando "concorre unha causa".

Neste caso a causa é a forte caída de ingresos provocada polo recorte na chega de fondos públicos para as centrais sindicais. Porén, un grupo de traballadores do sindicato denuncia que "non toda a organización esta a apertarse o cinto do mesmo xeito". Unha circular interna asinada por Antonio Juste Iglesias, secretario comarcal de UGT en Vigo, critica os complementos salariais que cobra "a gran maioría do equipo de UGT-Galicia en Santiago de Compostela". Juste Iglesias denuncia o pago de 150 mil euros en complementos salariais para nove membros da Comisión Executiva. A dirección do sidicato argumenta que eses fondos están destinados á preparación de reunións e mobilizacións en toda Galicia. 

 

Despidos en CC.OO. e CIG

Nos últimos meses tamén CC.OO. e CIG víronse obrigados a prescindir de traballadores, principalmente nas Fundacións que crearon para desenvolver actividades formativas

Nos últimos meses tamén CC.OO. e CIG víronse obrigados a prescindir de traballadores, principalmente nas Fundacións que crearon para desenvolver actividades formativas. En xuño o sindicato nacionalista despediu 15 traballadores de Forga, catro deles de forma temporal, argumentando que dispón dun 80% menos de fondos para cursos. Porén, a CIG ofreceu unha indemnización de 40 días por ano traballado ás persoas que perderon o seu emprego e o proceso finalizou cun acordo coas persoas despedidas. Máis problemático foi o ERE presentado por CC.OO. en Forem por mor da redución "brutal" das achegas públicas para a organización de cursos, que afectou a 24 persoas que recibiron un pago de 20 días por ano.

 

Manifestación en Santiago contra a reforma laboral CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.