Convocan manifestacións pola industria en Ferrol e Vigo en plena campaña electoral

Manifestación de CCOO e UGT en Vigo © CC.OO.

CCOO e UGT manifestaranse en defensa da indutria e do emprego en Galicia en plena campaña electoral. As federacións de Industria de UGT (MCA e Fitag), así como as federacións de Industria e Construción de Comisións e USTG veñen de convocar accións de protesta en Ferrol e Vigo para o vindeiro luns 8 de outubro. A CIG xa anuncio este xoves que podería unirse a esta protestas.

"As administracións están a provocar a destrución do tecido produtivo e do emprego"

Segundo explican nun comunicado, estas manifestacións darán "continuidade ao proceso de mobilización permanente contra as políticas de recorte que está a acometer tanto o Goberno de España como o de Galicia". Para ambos os dous sindicatos, as administracións, "co pretexto de afrontar a crise", estase a "provocar a destrución do tecido produtivo e do emprego". A xornada de protesta coincide cunha xornada de acción europea en defensa da industria.

As centrais sindicais esixirán ás administracións públicas "que aposten dunha vez por todas por unha política industrial dirixida a recuperar o investimento produtivo, o emprego e o crecemento industrial como obxectivo prioritario para saír da crise". "Nuns momentos de dificultade como o actual só unha industria forte, apoiada en medidas que aposten polo crecemento e o investimento, pode garantir o necesario impulso para propiciar a saída á crise", asegura.

CCOO e UGT censuran "a pasividade do PP á hora de apostar por medidas de crecemento no tecido industrial"

Ademais, critican "a pasividade e ausencia dos gobernos do Partido Popular (galego e central) á hora de apostar por medidas que supoñan crecemento do noso tecido industrial" e censura que os conservadors, "na súa obsesión por enxugar o déficit público a base dunha política de recortes", atacan o Estado do Benestar, o que "está a xerar máis desemprego, máis destrución de tecido industrial, menos investimento en investigación e desenvolvemento, menos competitividade, e máis deslocalización de empresas".

Para os sindicatos estatais, "agora é máis que nunca necesario que os gobernantes se preocupen polo modelo de industria que queren para o noso país e polo futuro que queren para a industria nun contexto de crise, debendo liderar a toma de decisións, recuperar o seu papel e actuar como dinamizador da industria cunha política industrial definida, en lugar de esperar a que esta se caia definitivamente e arrastre aínda máis na súa caída ao resto de sectores económicos"..

Manifestación de CCOO e UGT en Vigo © CC.OO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.