Crece a preocupación nos traballadores de Sargadelos polo futuro da empresa

Fábrica de Sargadelos © Sargadelos

Son tempos difíciles para Sargadelos e para os seus traballadores. Este luns o grupo anunciou "medidas contundentes" e unha "importante reestruturación de persoal para asegurar o futuro da empresa, todo en base a un plan de viabilidade aprobado a pasada semana "por ampla maioría" do consello de administración. Un plan que aposta por "axeitar a producción á demanda", mellorar "a xestión comercial" e procurar o "rexuvenecemento da marca", a través da presentación de novos produtos e da ampliación das súas redes comerciais dentro e fóra de España. Un plan, no entanto, do que os traballadores e traballadoras descoñecen os seus detalles, mesmo aqueles que afectan máis directamente ao futuro inmediato dos seus empregos.

Entre as fábricas de Cervo e O Castro traballan 172 persoas, cuxos postos agora estarían ameazados. A empresa argumenta que os custes de persoal superan as cifras de ingresos por vendas, e que a produción dobra a demanda existente. Este martes os traballadores elixiron en asemblea os representantes que se reunirán coa empresa para negociar os despidos.

A empresa vén arrastrando problemas económicos nos últimos anos, e foron varias as medidas parciais de redución de empregos e custes que se foron adoptando. Dende un ERE temporal de seis meses de duración, que afectou á meirande parte do cadro de persoal durante o primeiro semestre de 2013, ou un ERE de extinción que afectou a 26 postos de traballo en 2010.

Fábrica de Sargadelos © Sargadelos
Fábrica de Sargadelos © Sargadelos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.