Culleredo non lle cobrará IBI a Novagalicia se troca hipotecas por alugueres sociais

Xuntanza da comisión de desafiuzamentos de Culleredo CC-BY-NC-SA BNG

Un trato para evitar que queden máis persoas na rúa. O Goberno municipal de Culleredo (PSdeG-BNG) vén de asumir a proposta da súa comisión municipal de desafiuzamentos para concederlle a Novagalicia Banco certos beneficios tributarios se a entidade herdeira das antigas caixas de aforro garante que non se produzan máis desaloxos de persoas e familias que non poidan facerlles fronte aos seus préstamos hipotecarios. Nomeadamente, a proposta que Novagalicia ten sobre a mesa é ficar exenta do pagamento do imposto de bens inmobles (IBI).

Tras unha xuntanza desta comisión, presidida pola tenente de alcalde do municipio, a nacionalista Raquel Jabares, o Concello concretou que lle perdoará o IBI ao banco "se muda as hipotecas contraídas por persoas que non poden facerlles fronte" por "alugueres sociais", converténdose ademais a entidade en propietaria da vivenda "ao aceptar a dación en pagamento". A proposta xa a coñece de primeira man o banco, toda vez que a comisión xa "mantivo unha reunión con varios responsábeis territoriais" para "suscitarlles a necesidade de mellorar as condicións dos veciños do municipio".

O Concello reclámalle ademais ao banco a eliminación de comisións e o aprazamento de recibos para persoas en situación de desemprego

Xunto con membros da asociación de persoas usuarias da banca (ADICAE) Jabares deu conta tamén doutras propostas que o banco podería asumir, tales como "a eliminación das comisións de mantemento das contas para os usuarios que perciban a Renda de Inserción Social" ou pensións non contributivas ou a "taxa de tres euros que a entidade financeira cobra por solicitar os movementos bancarios dos últimos seis meses". Esa documentación debe poderse obter de balde porque "se require para tramitar as axudas para persoas en situación de urxencial social", especifica.

Neste paquete de iniciativas que o goberno cullerdense lle pon sobre a mesa a Novagalicia Banco figura, ademais, que a entidade "aprace os recibos das persoas que perciben subsidios de desemprego". Así evitaríanse que a veciñanza que é perceptora deste tipo de axudas teña problemas cos seus gastos domésticos máis habituais, toda vez "que os recibos adoitan chegar antes que os ingresos do INEM", que non se fan efectivos ata o entorno do día 10 de cada mes.

Xuntanza da comisión de desafiuzamentos de Culleredo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.