As secretarías das mulleres da Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras (CUT) e do Sindicato Labrego Galego rexistraron este martes o preaviso de folga laboral de 24 horas de duración convocada para o 8 de marzo e Galicia. O rexistro fíxose xunto ao Sindicato Ferroviario Intersindical e co apoio do Sindicato da Elevación de Galicia, seguindo a convocatoria lanzada polo movemento feminista, que lles solicitou ás centrais sindicais que se implicasen na organización e impulso da folga xeral de mulleres. CGT e Intersindical (no que está integrado o STEG) tamén convocaron folga de 24 horas.
"Sobran as razóns para facer un chamamento á folga feminista deste 8 de marzo", din CUT, SLG e SF
"Sobran as razóns para facer un chamamento á folga feminista deste 8 de marzo", destacaron as organizacións que rexistraron o preaviso de folga laboral, que tamén instan a secundar as folgas de coidados, consumo e estudantil. "Como sindicatos, sabemos que sen mulleres o traballo productivo e reproductivo colapsaría e, pese iso, sofren agresións nos seus centros de traballo que van desde a discriminación salarial ao acoso laboral e sexual", indicaron.
"As mulleres continúan a ser minoría nos altos postos de coordinación e responsabilidade pese representar a maioría das persoas licenciadas na universidade e educación superior", destacan as responsables das secretarías das mulleres de ambas as dúas centrais. "En sectores feminizados e precarizados como o da limpeza, as traballadoras sofren de enfermedades laborais apenas recoñecidas como o síndrome do túnel carpiano, lesións lumbares, alerxias e dermatite", engaden. Tamén lembran que as traballadoras do fogar "continúan sen ter o dereito recoñecido a cobrar o subsidio por desemprego" a pesar de que "diversas organizacións e as traballadoras mesmas a través de recolectas de sinaturas solicitáronlle ao Goberno español que ratificase o Convenio 189 da OIT" para acadar este dereito. CUT, SLG, SF e SE "desexan xunto co movemento feminista que este paro de 24 horas faga entender a todos os poderes privados e da Administración que se as mulleres paran, para o mundo".
Paros parciais convocados pola CIG
A pasada semana a CIG rexistrou a convocatoria de paros parciais para ese 8 de marzo nas franxas horarias comprendidas entre as doce da noite e ás 2 horas, das 12 a 14 horas e das 19:30 a 21:30 horas; é dicir en paros laborais de dúas horas por quenda de traballo. No rexistro da folga Margarida Corral, secretaria confederal de mulleres da CIG, reclamou "rachar coa hipocrisía na que se está a converter a celebración de datas senlleiras vinculadas cos dereito das mulleres", recuperando "o carácter reivindicativo e de clase que ten o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora”.
A CIG convocará concentracións nas principais cidades e vilas galegas ese 8 de marzo e fará un chamamento a participar en todas as mobilizacións que para esa tarde sexan convocadas polo movemento feminista galego, e previamente, a secundar a manifestación nacional unitaria que se está a organizar para a primeira semana de marzo. “Vai ser polo tanto unha convocatoria totalmente novidosa e pioneira”, destacou Margarida Corral, “porque as mulleres van ser as únicas protagonistas, pasando os homes a ter un papel secundario e de apoio, e tendo que suplir as tarefas coas que habitualmente cargan as mulleres nos centros de traballo e nos fogares”.
A CIG fixo especial fincapé na convocatoria da folga no sector do ensino, onde as mulleres son clara maioría
A CIG fixo especial fincapé na convocatoria da folga no sector do ensino, onde as mulleres son clara maioría. Tan só no educación pública obrigatoria o 70% das traballadoras son mulleres, chegando no corpo de Primaria a situarse esta porcentaxe no 81%, cun total de 10.500 fronte a preto de 2.500 homes, segundo datos de hai catro anos. Pero tamén en Secundaria, malia ser un corpo menos feminizado, as mulleres chegan ao 58% do total, con arredor de 8.600 fronte a 6.250 homes.
CCOO e UGT convocan tamén paros parciais
CCOO quere aproveitar a cobertura legal da folga "para darlle dimensión laboral a esta reivindicación, compartida con outras organizacións sociais"
CCOO e UGT levarán a cabo paros parciais de dúas horas nos mesmos horarios que a CIG, froito da reunión que os tres sindicatos mantiveron a pasada semana para coordinar as convocatorias. UGT e CCOO realizarán a mobilización de forma conxunta baixo o lema "Vivas, libres, unidas pola igualdade". Os dous sindicatos anuncian que nas vindeiras semanas levarán a cabo un intenso traballo de extensión e sensibilización en todos os centros de traballo, tanto en asembleas de centro como sectoriais, co obxectivo de "garantir un amplo seguimento da folga e unha elevada participación nas manifestacións".
A secretaria da Muller de CCOO de Galicia, Mamen Sabio, salienta que o vindeiro 8 de marzo cómpre "darmos un paso máis" para dar visibilidade ás discriminacións que padecen as mulleres, tanto á hora de accederen ao mercado de traballo como unha vez que están dentro". Por esta razón, o sindicato quere aproveitar a cobertura legal da folga "para darlle dimensión laboral a esta reivindicación, compartida con outras organizacións sociais".