CxG inicia a campaña “Están seguros os nosos cartos?”

Cartaz do acto © CxG

Compromiso por Galicia desenvolverá, en colaboración coa Asociación galega de afectados polos produtos financeiros (AGAPROFI), a campaña Están seguros os nosos cartos?, con varias charlas informativas onde se tratará todo o referente á crise bancaria, aforros e produtos financeiros. O primeiro acto desenvolverase este martes en Vigo, e xa están programados outros dous actos para Ferrol o vindeiro día 29 de abril e en Ponteareas o 4 de maio, onde participarán, entre outros, o avogado Xoán Antón Pérez Lema e o membro da Executiva Nacional de CxG e economista, Manuel González.

Manuel González insiste na “imperiosa necesidade de información” que demanda a cidadanía

Manuel González insiste na “imperiosa necesidade de información” que demanda a cidadanía, “e que será un dos obxectivos desta campaña”, aínda que, tendo moi claro, segundo González, “que existen uns responsables políticos da situación que estamos a vivir”. Dende Compromiso por Galicia insístese en que a crise do sector financeiro veu da man da desregulación a nivel internacional, ademais das políticas erradas do Banco de España e da UE, “mais sen esquecer a responsabilidade do PP e do PSOE”, o que nos debe levar, segundo Manuel González, “a aprender dos erros e reducir drasticamente o peso e a influencia do sector financeiro nas economías europeas, facendo que prevaleza o poder político e democrático sobre o económico”, un principio que “para Compromiso por Galicia é irrenunciable”.

"É lamentable ver como Feijóo non fai absolutamente nada mentres Galicia queda sen sector financeiro de seu"

Entre as diversas temáticas que se tratarán nas charlas, estarán, entre outras, a solución das preferentes, o que dende a organización galeguista consideran “un auténtico atraco xa que a xente foi enganada deliberadamente, mentres os poderes públicos, agora xestionados polo PP, miran para outro lado”. No que se refire aos antigos responsables das caixas, González cre que a situación “é indigna”, e que deberían "devolver euro por euro todas as indemnizacións que se autooutorgaron de xeito vergoñento”, xa que "non é de recibo premiar estes auténticos ladróns que xestionaron pesimamente as caixas, e que agora todos e todas estamos a sufrir as consecuencias”. E mentres tanto, apunta o membro da Executiva, "é lamentable ver como Feijóo non fai absolutamente nada mentres Galicia queda sen sector financeiro de seu, gobernando Galicia como se dunha provincia de terceira división se tratara, cando en Catalunya e Euskadi isto non pasa”.

Cartaz do acto © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.