De Guindos asume que a recesión agrávase e advirte de máis recortes e sacrificios

De Guindos, xunto a Aznar, no Campus FAES © FAES

Agrávase a recesión, empeoran as previsións e o propio Goberno central xa non agocha que a crise non só non remata, senón que empeora. As medidas de axuste aplicadas polo Executivo non dan resultado ningún e a curto prazo a situación semella inserirse nun círculo vicioso sen fin.

O ministro de Economía, Luis de Guindos asegura que as perspectivas son peores das agardadas para a segunda parte do ano. A economía española caerá e experimentará un "crecemento negativo", nas súas palabras. Total, que non crecerá nada, senón todo o contrario, en liña coas previsións feitas non hai moito polo Banco de España, que xa apreciaba un retroceso no PIB entre marzo e xuño “máis intenso”. A contración do 0,3% entre xaneiro e marzo será “lixeiramente superior” no segundo trimestre.

Con todo, o Executivo mantén a súa previsión de que no conxunto do ano a economía contraerase o 1,7%. A Comisión Europea prevé que a economía española contraerase un 1,8% este ano, cunha caída do 0,6% no segundo trimestre, do 1,1% no terceiro e do 1,1% no cuarto. E De Guindos quere (ou desexa) ver a botella medio chea e advirte de que nos próximos meses irase estabilizando a deterioración que se veu dando desde o verán pasado.

De Guinods cre que a economía "pode pegar un salto importante", pero advirte de máis recortes e sacrificios

Así, De Guindos afirmou estar "convencido" de que España pode "pegar un salto importante en termos de crecemento e prosperidade" se leva a cabo o saneamento dos bancos, do sector inmobiliario e do conxunto da economía, tal e como recoñeceu o titular de Economía no Campus FAES, onde estivo apoiado por José María Aznar. Pero para que iso pase xa agoira máis esforzos, o que quere dicir máis recortes e máis sacrificios para a maioría da sociedade.

Por iso, en canto á posibilidade de que o Goberno suba o IVE ou retire a dedución por compra de vivenda, como pide o FMI ou a Comisión Europea, De Guindos di que as recomendacións destas institucións "sempre son tidas en consideración". Neste sentido, lembrou que o Goberno xa pediu esforzos para reconducir a actual situación económica, pero deixou entrever que serán necesarios máis.

"É fundamental que o esforzo se distribúa equitativamente. Así se fixo ou está a tentar facer o Goberno", afirmou, para engadir que é preciso que a cidadanía entenda que se se piden sacrificios é porque serán "a plataforma para crecer e xerar emprego" no futuro.

Para o titular de Economía, a situación actual é "totalmente inaceptable desde o punto de vista social, económico e financeiro", polo que garantiu que o Goberno vai redobrar os esforzos sentar as bases que permitan empezar a xerar emprego e crecemento no futuro.

De Guindos, xunto a Aznar, no Campus FAES © FAES

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.