"De ter industrias galegas fortes, a fin das cotas lácteas sería un reto e non unha inquietude"

Higinio Mougán, director xerente de Agaca © Agaca

Higinio Mougán, director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) analiza nesta entrevista o panorama de dúbidas e incerteza que se lle abre ao sector leiteiro coa fin das cotas lácteas previsto para o vindeiro 1 de abril. Recoñece as oportunidades que supón poder acceder a un mercado global, pero non ve "moito futuro" nel. Dubida da competitividade galega ante países como Alemaña, Francia ou Irlanda e advirte do "risco enorme" que supón o final destas limitacións nun sector tan atomizado como o galego. Considera que as administracións terán que facer "o que tiñan que ter feito hai cinco ou dez anos" e asegura que a millonaria multa ás industrias lácteas "chega no peor momento". 

Que suporá a fin das cotas lácteas do vindeiro 1 de abril?

Para o sector, para as cooperativas e para o resto dos operadores supón un cambio de escenario bastante forte e cara a un panorama descoñecido. Levamos cunha situación de cotas e con limitacións, continxentada, perto de 25 anos, o que afectou a industria, os produtores e as cooperativas. A vantaxe que nos chega agora é que producir calquera cantidade deixa de ser un problema, polo que o produtor só ten que pensar en organizarse para ser o máis eficiente posible na produción de leite. 

"A fin das cotas supón que as cantidades a producir xa non son problema, pero tamén unha liberalización que supón un risco enorme"

Pero iso tamén ten desvantaxes, claro...

A preocupación é que isto supón unha liberalización case total, non só a nivel galego ou estatal -que pode implicar que unha serie de gandeiros produzan máis e despracen a quen produza menos ou sexa pequeno-, senón tamén a nivel europeo, o que é moito máis preocupante. No mercado español somos deficitarios e, de haber muros, podiamos ter unha situación ideal para poder producir e satisfacer o noso mercado. Pero non existen murallas e, sobre todo, temos unha distribución que está en mans maioritariamente de empresas europeas, que mercan produtos en Alemaña e Francia e colócanos aquí cunha enorme facilidade... E iso supón un risco enorme. 

Como de enorme?

O problema non é nin tan sequera producir e industrializar, senón a vía de comercialización. Poden chegar produtos a Galicia e España de diferentes países habéndoos xa aquí. Hai quen di incluso que sendo España un Estado deficitario, podería quedar leite sen poder comercializarse por falta de industria ou distribución que merque produtos aquí, aínda que eu penso que iso non sucederá.  Por desgraza, tanto en España como en Galicia, non temos un consumidor que estea moi vinculado cos derivados lácteos galegos ou españois, como si ocorre noutros lugares como Francia, onde os consumidores mercan produtos franceses aínda que lles sexan máis caros, ou en Italia, onde nin son capaces de producir todo o leite necesario para facer os seus derivados alí, o que lles obriga a importar leite. 

"Nin en España nin en Galicia temos un consumidor vinculado aos produtos do seu país como si ocorre en Francia ou Italia"

E iso a que é debido? Por que non hai esa vinculación?

Non temos esa cultura en Galicia e iso xéranos unha inquedanza moi grande porque o que se aprecia é que a industria non fixo un esforzo suficiente por valorizar o produto, e a distribución tampouco por respectar esa valorización. O leite séguese utilizando como produto reclamo e iso é preocupante. 

O panorama en xeral é preocupante, logo?

É preocupante o que pode pasar nunha situación sen cotas porque pode haber zonas que queden desprazadas da produción ao non haber capacidade industrial, transformadora e de valorización para colocar os produtos nos mercados nacionais ou internacionais. A gran vantaxe é que se nos abren grandes mercados internacionais, que son moi apetecibles porque hai unha perspectiva de crecemento da demanda de leite en máis do 35% ata 2025. Sería máis que dabondo para estar tranquilos, pero hai países, sobre todo do norte de Europa, moito máis áxiles e especializados e que se están a lanzar xa a esa guerra. Non sabemos se imos ter os do sur de Europa algún cacho desa tarta. 

"A febleza da industria transformadora á hora de investir fai que non teñamos moito futuro no mercado global"

Non se ve moito futuro no mercado internacional?

Todo indica que a febleza que tivo a industria transformadora no campo dos investimentos provoca que non teñamos moito futuro no mercado global. Este novo escenario é o que xera que a industria se estea replantexando cousas sobre os efectos que pode ter que Francia ou Alemaña produzan máis leite ou que Irlanda pense incrementar nun 50% a súa produción. A incógnita é que pode facer a industria española cando non estivo operando no mercado internacional. Todo isto dálle unha volta ao papel que xogamos todos os demais, desde as cooperativas ata os produtores pasando por todos os elementos da cadea. 

A atomización do sector en Galicia é un problema eterno que agora tamén será prexudicial...

Por suposto. Nos últimos días saen informes sobre o tamaño da empresa en xeral e as dificultades que supuxo o pequeno tamaño das compañías ante esta crise económica. Tres cuartos do mesmo ocorre no sector lácteo. Se tivesemos grandes empresas e industrias de capital galego, totalmente dirixidas desde Galicia, con estratexias asentadas en Galicia e pensando na produción galega, a situación que nos vén non sería un problema, senón un reto, menos difícil e motivante. Pero a situación non é de reto, senón de inquedanza e dúbida, de moitas dúbidas. 

"As caixas galegas arriscaron dez veces máis nunha operación inmobiliaria no Levante que no sector lácteo; así nos loce o pelo"

É Galicia un dos territorios leiteiros con máis dúbidas?

É curioso porque nos estudos internacionais que se fixeron sobre a situación que provocará a fin das cotas lácteas o mapa de Galicia sae pintado cunha interrogante. Somos a oitava rexión europea en produción de leite e somos un interrogante, non pola capacidade de produción, que é máis ou menos competitiva, senón polas dúbidas que hai no proceso de transformación, industrialización e valorización dese derivado lácteo. 

Algo se faría mal desde as Administracións para chegar nesta situación a este novo escenario...

Está clarísimo que temos moitos deberes sen facer e que a algunhas cousas que se fixeron non se lles puxo a suficiente dedicación. Véñenseme á mente as antigas caixas de aforro galegas, que investiron e arriscaron nun sector estratéxico como o leiteiro moitísimo menos que o que fixeron por exemplo no sector inmobiliario do Levante español. Arriscaron moito máis nunha soa operación inmobiliaria no Levante que o que arriscaron na industrialización ou na estratexia do sector lácteo galego. Se cadra un risco dez veces maior... Pero con eses antecedentes, así nos loce o pelo.

"Non estamos suficientemente preparados na valorización dos produtos e isto é o que xera inquietude no sector" 

Que deberes temos pendentes?

Temos moitos deberes pendentes de facer, tamén en canto á escasa valorización dos derivados lácteos que se fan en Galicia. Somos 2,7 millóns de habitantes, producimos case 2.500 toneladas ao ano, o que supón uns 900 litros por habitante, pero os galegos tan só consumimos algo máis de 100 litros. O resto témolo que colocar e darlle valor no mercado español e internacional. Pero como fixemos eses deberes? Estamos preparados para esta situación? Temos moitas inquedanzas e non estamos suficientemente preparados na valorización dos produtos para abordar estes campos. Isto é o que xera moita inquietude no sector. 

"As administracións deben favorecer que o valor engadido do sector leiteiro quede aquí; é o mínimo e prioritario"

E que papel deben xogar agora as administracións?

O que teremos que facer é o que tiñamos que ter feito hai cinco ou dez anos: favorecer unha boa estrutura de transformación e comercialización do leite en Galicia, que o leite sexa galego e non saia de aquí a tranformarse fóra e por outros capitais alleos. Iso sería o ideal, o gran reto que ten a Administración galega desde hai anos: que un produto tan difícil de conseguir sexa transformado e valorizado aquí e que gran parte da cadea alimentaria quede aquí. Temos que preocuparnos por facelo: agrupar a xente, buscar dimensión e empresarios ou facer que o sector se organice a través de cooperativas para facer fronte a este proceso de industrialización para que o valor engadido quede aquí. É o mínimo e prioritario, sabendo que hai que seguir dando apoio ao sector produtor para que siga sendo eficiene e competitivo na UE. Se non somos capaces de facelo ou se non temos o nivel suficiente na industria transformadora, será difícil. Temos que intentar que todos os elos da cadea estean no mellor estado posible. 

"A multa ás industrias lácteas afectará a toda a cadea do sector; xera desconfianza e máis tensión e chega no peor momento"

E ante este panorama, unha multa millonaria á industria que ameaza con prexudicar todo o sector.

Independentemente do que pasase, de todas esas prácticas irregulares que se fixeron, é evidente que chega no peor momento posible, no momento no que o sector se ten que recolocar e situar dentro do novo escenario que se abre desde o 1 de abril. Temos unha posible multa por supertaxa que non hai maneira de evitala e agora, estoutra multa extraordinaria que podo asegurar que non a vai pagar a automoción, a pesca nin o sector do metal. Isto vaino ter que pagar o leite, e quen ten que facer o ingreso é a industria, pero como recade ese diñeiro é o tema. Todos sabemos que isto, ao final, vai afectar a toda a cadea. Vai xerar desconfianza, máis tensións e máis mal sabor de boca. Non vai axudar para nada. Chega no peor momento que nos podía vir.

Higinio Mougán, director xerente de Agaca © Agaca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.