Fiare está a piques de se converter nunha entidade de banca ética. Faltan algúns meses para que se completen todos os trámites, que depende da aprobación do Banco de Italia, pois Fiare operará a través de Banca Popolare Etica, que en maio en Florencia aprobará a integración das dúas entidades. Fiare ofrecerá unha alternativa moi agardada por milleiros de persoas en Galicia, defraudados coas prácticas da banda tradicional, ou que queren unha entidade que cumpra todas as función básicas da banca -depósitos, domiciliacións, transferencias, pago con tarxeta-, pero coa máxima transparencia e coa seguridade de que os seus cartos non alimentarán procesos especulativos ou servirán para financiar proxectos escasamente éticos. Non só iso, o capital que xa manexa e manexará Fiare serve para financiar cada ano máis dun cento de proxectos ligados á economía social, á agricultura ecolóxica, á cooperación ou á actividade produtiva de cooperativas.
Porque Fiare leva anos funcionando como cooperativa de crédito, un servizo que nos últimos anos foi de grande axuda para moitas cooperativas ou pequenas empresas e particulares. Esta necesidade púxose claramente de manifesto nestes últimos tempos, nos que o acceso ao crédito de moitas persoas e organizacións se viu severamente restrinxido e no que o número de solicitudes de financiamento que recibiu Fiare aumentou moi significativamente.
Os principais ámbitos de actuación de Fiare son proxectos vinculados á transformación no campo dos valores e a educación, a inserción social e laboral das persoas, a agroecoloxía e o comercio xusto e a cooperación norte-sur. Dende que en 2005 comezou a ofrecer créditos o volume de capital achegado a este tipo de proxectos de economía social -cunha achega máxima de tres millóns de euros por proxecto- non deixou de crecer. A pesar da crise económica, o crédito total aprobado pasou de 19,5 millóns de euros a finais de 2010 a máis de 27,5 a finais de 2011 e superou os 32 millóns en 2012. A meirande parte do crédito concentrouse en Euskadi e Catalunya, as zonas nas que Fiare ten unha maior implantación.
Cal é o obxectivo de Fiare?
Fiare é unha iniciativa de banca ética, en mans da cidadanía, que, cunha clara vocación transformadora, aspira a ser un instrumento político eficaz no ámbito da intermediación financeira. Capta aforro para prestalo, quitándolle o valor mercantil asociado a ese proceso; é dicir, canaliza, a través do aforro, solidariedade cidadá para garantir a través do crédito, condicións de equidade. E isto último faino póndose ao servizo daquelas organizacións que teñen percepción e capacidade para identificar cales son os contextos de inxustiza estrutural que hai que atender Fiare, deste xeito, promove mediante o crédito a posibilidade de desenvolvemento de determinados proxectos que teñen un claro valor transformador.
Capta aforro para prestalo, quitándolle o valor mercantil asociado a ese proceso; é dicir, canaliza, a través do aforro, solidariedade cidadá para garantir a través do crédito, condicións de equidade
Paula Lubián salienta: “a actividade económica e financeira non é neutral porque están financiando proxectos que enriquecen uns poucos e empobrecen a maioría. Do que se trata é de crear unha ferramenta que xorda da propia sociedade para darlle a volta e que os proxectos que se financien sexan de rexeneración e de transformación social real. Esa é a diferenza fundamental”. Eles botan man dun poema de Eduardo Galeano: “Son cousas pequeniñas. Non acaban coa pobreza, non nos sacan do subdesenvolvemento, non socializan os medios de produción e de cambio, non expropian as covas de Alí Babá. Pero quizáis desencadeen a alegría de facer, e a traduzan en actos. E á fin e ao cabo, actuar sobre a realidade e cambiala, aínda que sexa un pouquiño, é a única maneira de probar que a realidade é transformable”.
Dende Fiare anímase a todas as persoas que estean interesadas a facerse socias ou a facerse clientes nestes meses previos
Cando comezará a operar como entidade de banca ética?
Calcúlase que a finais deste 2013 estará plenamete operativa. O normal é que a autorización que necesita para comezar a operar chegue antes, pode que mesmo antes do verán. Porén, a posta en marcha será lenta. Nun primeiro momento ofrecerá servizos para os seus socios e só despois abrirase para todos os posibles clientes. Dende Fiare anímase a todas as persoas que estean interesadas a facerse socias ou a facerse clientes nestes meses previos. En primeiro lugar para evitar unha avalancha no día no que se comece a operar plenamente, pero sobre todo para fortalecer e acelerar o proceso. Digamos que canta máis xente participe e canto máis se implique antes se completarán todos os pasos. E tamén para garantir que o proxecto de Fiare sexa o máis plural posible, pois todas as persoas socias teñen capacidade de decisión en todos os ámbitos.
Até o de agora a cooperativa actúa como intermediaria entre os solicitantes de crédito e a propia operativa bancaria, que conta con tres oficinas no Estado. Xa se poden facer depósitos nunha conta corrente e mesmo se pode dispoñer dunha tarxeta moedeiro que se pode usar en caixeiros automáticos. Son estes depósitos os que financian a concesión de créditos. Fiare leva anos traballando neste proceso con moito coidado e con moito detemento e nunca prestou máis cartos dos que tiña e tentou axeitar a súa estrutura á súa actividade. Paula Lubián pide "que a reflexión se faga ao revés: se nos axudas a construír Fiare avanzaremos máis rápido".
Fiare busca ofrecer un equilibrio entre manter os actuais servizos da banca, ainda que sexa de maneira máis limitada, pero dirixindo o foco cara á función social que quere cumprir
Terei todos os servizos que me ofrecen o resto de entidades bancarias?
A partir do momento que se completen os trámites administrativos pendente Fiare ofrecerá os mesmos servizos que calquera banco, aínda que cunhas diferenzas moi claras en canto ao carácter ético dos seus investimentos e créditos concedidos -destinados a cooperativas e á economía social-, á súa transparencia e ao seu non ánimo de lucro. Será esencialmente un banco online que permitirá realizar depósitos, domiciliacións, transferencias e pago con tarxeta, ademais da oferta de créditos a proxectos que xa realiza. Os promotores de Fiare fan fincapé en que nunca ofrecerá un tipo de xuro tan elevado coma o que ofertan as entidades tradicionais, "non o podemos ofrecer porque é pura especulación", din. O que si poderá conseguir é o fondo de garantía do que dispoñen todos os bancos, e mesmo superior ao que ofrece a banca tradicional.
De feito, xa na actualidade os depósitos están garantidos a través das achegas dos socios. "Temos recollidos uns 4 millóns de euros que están totalmente inmobilizados. Os préstamos que ofrece Fiare saen do capital que achegan os clientes, non dese fondo de garantía composto polas achegas dos socios. No ano 2012 recollemos 34 millóns de euros en aforros e prestamos 31 millóns. Eses tres millóns de euros de diferenza tamén nos van servir de colchón. Nunca imos especular cos cartos. Nunca imos prestar máis do que conseguimos", promete Paula Lubián.
Fiare busca ofrecer un equilibrio entre manter os actuais servizos da banca, ainda que sexa de maneira máis limitada, pero dirixindo o foco cara á función social que quere cumprir. "Ninguén se vai facer cliente de Fiare porque lle vaiamos ofrecer máis servizos ou máis interese que outros bancos. Os clientes de Fiare serano por un convencemento ético, por transparencia e por seguridade", conclúe. De feito, ofrécese a posibilidade de contratar unha libreta na que os intereses que xeren os cartos depositados vaian directamente para os proxectos que nós elixamos. Só en 2011, 400 persoas escolleron esta opción xerando máis de 20 mil euros en intereses.
Nestes circuitos aforro-crédito a persoa aforradora implícase en que se poida soster economicamente unha actividade de crédito para evitar que a vulnerabilidade estrutural das persoas solicitantes constitúa un risco de morosidade maior. Fiare quere ofrecer, xunto aos produtos e servizos típicos da banca tradicional, outros produtos que se adapten ás necesidades das persoas e entidades non recoñecidas como clientes de crédito polas entidades tradicionais.
Será esencialmente un banco online, que utilizará a mesma operativa que na actualidade empregan as Caixas rurais e que se inserirá na rede Servired para que os clientes de Fiare poidan facer uso desta rede de caixeiros
Terá oficinas en Galicia?
Nun comezo non. Será esencialmente un banco online, que utilizará a mesma operativa que na actualidade empregan as Caixas rurais e que se inserirá na rede Servired para que os clientes de Fiare poidan facer uso desta rede de caixeiros. Na actualidade Fiare conta con tres oficinas, en Bilbao, Barcelona e Madrid. Tamén dispón dunha ampla rede de puntos de difusión a través de todas as asociacións que a conforman, en Galicia unhas 26. E ducias de puntos de información, onde unha rede de axentes que nestes momentos están recibindo cursos de formación poderán asesorar sobre todos os trámites que se queiran realizar a través de Fiare. Tamén se está valorando a creación da figura do banqueiro ambulante, que se está estendendo por Italia, unha persoa con capacidade para completar todas as operacións e que se desprazará por todo o territorio.
Os proxectos son avaliados localmente por unha comisión que en Galicia está formada por cinco persoas elixidas asembleariamente e que cumpren unha serie de requisitos
Como se conceden os créditos?
Fiare fai públicos os seus obxectivos éticos e sociais en todo momento e tamén os criterios que valora á hora de conceder os créditos, entre os que o respecto ao medio ambiente, a creación de postos de traballo en ámbitos coma a prestación de servizos ou actividades produtivas, ou a propia natureza non lucrativa dos proxectos son fundamentais. Os proxectos son avaliados localmente por unha comisión que en Galicia está formada por cinco persoas elixidas asembleariamente e que cumpren unha serie de requisitos: manter o equilibrio rural-urbano, de xénero, e representar as distintas sensibilidades que conforman Fiare: o mundo ecoloxista, do sindicalismo agrario, de cooperación e do comercio xusto. Este grupo ten un protocolo e analiza o proxecto. Se di que non, a proposta pódese modificar. Se di que si a, operativa bancaria ten que analizala pola súa conta e decidir a súa concesión. "Esta comisión de avaliación é importante porque nós sabemos mellor que ninguén o que hai que financiar aquí coñecemos a nosa realidade. E como ten que haber unha dobre decisión, isto garante un equilibrio entre a parte económica e a parte social", salienta Paula Lubián.
Polo de agora son 20 concellos adheridos a Fiare en todo o Estado, un deles en Galicia: Manzaneda
Hai Concellos adheridos a Fiare?
Polo de agora son 20 en todo o Estado, un deles en Galicia: Manzaneda. As administracións públicas locais fanse socias de Fiare como mostra do compromiso en construír unha banca ética desde a cidadanía organizada que impulsa unha intermediación financeira baseada nuns valores como a responsabilidade, a solidariedade e o respecto pola contorna. Donostia, Errentería, Ordizia, Azpeitia, Hernani, Oñati (Euskadi), Burlada, Ansoain, Berriozar, Villaba, Huartepa (Navarra). Prat de Llobregat, Sabadell, Cambrils (Catalunya), RivasVaciamadrid (Madrid) ou Albuixech (Valencia) son algúns deles.
Que diferencia Fiare doutras entidades de banca ética?
A diferenza doutras entidades como Triodos Bank, Fiare é unha cooperativa nas que as persoas que achegan o capital social pasan a ser socias de pleno dereito. Nas asembleas da entidade decídense desde as escalas salariais das persoas liberadas ou a taxa de xuro dentro do marco establecido polo Banco de España. Como salienta Paula Lubián, “Fiare é un proxecto estritamente social. Iso significa que Fiare en Galicia non ten sentido sen esas 26 asociacións e esas 200 e pico persoas que están detrás". Polo tanto Fiare só ten sentido como proxecto social, o que obriga a que todas as grandes decisións se teñen que adoptar a través dunha asemblea e toda a súa actividade está permanentemente exposta. Ademais, hai unha limitación para a ocupación de todos os cargos e tamén unha ratio de 1 a 3 entre o soldo maior e o menor.
Fiare constrúe e xógase a súa lexitimidade ética no modelo de construción e de crecemento que propón; e nas estruturas e procesos dos que se dota para garantir o logro dos seus fins. A forma en que articula a súa base social, os mecanismos postos en xogo para promover a participación informada e responsable, os procesos de toma de decisións, a estratexia de implantación no territorio ou as ferramentas que reforzan a súa capacidade para responder aos retos da nosa sociedade desde o coñecemento e a proximidade son algúns dos piares sobre os que se constrúe esa lexitimidade.
Coop 57 ou AIS O Peto están integradas en Fiare e realizan unha serie de funcións fundamentais que Fiare non pode cumprir
Que relación hai entre Fiare e Coop 57 ou AIS O Peto?
Son parte do mesmo proceso. Coop 57 ou AIS O Peto están integradas en Fiare e realizan unha serie de funcións fundamentais que Fiare non pode cumprir. Na economía social hai tres niveis: o nivel micro corresponde a microproxectos, coma os que xestiona O Peto. Se alguén necesita 1000 euros e vai falar con Fiare iso Fiare non o pode facer porque a avaliación que teria que facer para decidir se financia o proxecto se cadra xa custa tanto coma o que se pide. Pero AIS O Peto é socia de Fiare e Fiare remitelle esa solicitude. O mesmo se pode dicir de Coop 57, xa nun nivel meso. Son volumes máis pequenos que Fiare -Fiare dá créditos de até 3 millóns e Coop de até 200 mil euros- e tes que ser socio para que che dean un crédito. Son tres niveis que están dentro do mesmo proxecto e que funcionan autonomamente pero asociándose os uns cos outros e remitindose proxectos os uns aos outros.
Onde atopar Fiare en Galicia?
Fiare-Galiza ten como reto para os vindeiros meses consolidar a súa implantación territorial no noso país e contar con presenza, cando menos nas sete cídades. Polo momento conta con dous puntos de información. En Compostela: Panxea (Rúa da Rosa nº 36 baixo), e en Vigo: Parroquia do Cristo da Victoria (Rúa Baiona nº 9).