Dez mil persoas saen á rúa ante a dramática situación de Ferrolterra

A manifestación, entrando na Praza de España CC-BY-SA Susete

Os habitantes de Ferrol e a súa comarca volveron saír á rúa este domingo, unha vez máis, para deixar claro que a demanda de solucións para o sector naval é unha reivindicación unánime en Ferroltera. Ao redor de dez mil persoas marcharon polas rúas do centro da cidade dende o Inferniño, convocados polos comités de empresa de Navantia en Ferrol e Fene, nunha manifestación que rematou na Praza de Armas, ante o Concello. Alí, o xornalista Germán Castro, ex director do Diario de Ferrol, leu un manifesto que sinalou a situación "dramática" da zona, a peor, segundo salientou, das que recorda, despois de décadas de profesión. O manifesto tamén denunciou o "esquecemento institucional" e as "falsas promesas" dun "goberno xordo e cego".

A protesta foi masiva e diversa porque a cidadanía ferrolterrá é consciente de que o problema vai moito máis aló dunha reivindicación laboral dos traballadores dos estaleiros. A crise na comarca, cuns índices de desemprego moi superiores á media galega, e cun tecido industrial e comercial en regresión, non admite máis esperas, despois de anos de promesas incumpridas e de procesos en marcha, coma a petición para o levantamento do veto á construción civil ou o proxecto de construción do dique flotante, que se atascan entre os despachos dunhas e doutras administracións. Os líderes sindicais sinalaron a importancia da recuperación do sector naval para que o conxunto da economía da comarca volva funcionar, tanto nos sectores comercial, turístico coma industrial.

Esta semana no Congreso mesmo o presidente da SEPI, Ramón Aguirre, recoñeceu que a situación é "dramática". Porén, nesa mesma sesión o ministro Montoro pediu "paciencia"

Ferrolterra non pode agardar máis. Esta semana no Congreso mesmo o presidente da SEPI, Ramón Aguirre, recoñeceu que a situación é "dramática". Porén, nesa mesma sesión o ministro Montoro pediu "paciencia" cando os grupos da oposición lle reclamaron "concreción" sobre a súa promesa do encargo dun buque militar que se destinaría á exportación pero que, no caso de non venderse, podería quedar na Armada Española. Máis dun mes despois desa promesa, o Executivo central non o ofreceu máis detalles sobre o lugar no que se construiría, as súas características ou os seus prazos.

Na marcha estaba anunciada a presenza do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, aínda que non foi visto preto da cabeza da manifestación

Promesas hai moitas. E moitas máis cando estamos a menos de dous meses dunhas eleccións europeas cunha grande importancia simbólica para os gobernos do Partido Popular. Por iso, boa parte das demandas que se escoitaron na manifestación referíanse simplemente a que os gobernos cumpran os seus compromisos, entre acusacións de "neglixencia" aos responsables políticos. Entre elas está o dique flotante, que despois de máis dun ano de erráticas e ineficaces xestións do Goberno central, agarda agora a resposta definitiva de Bruxelas, e que podería dar traballo a dúas mil persoas. Ou o levantamento do veto á construción civil, prometido mesmo por Aznar en plena crise do Prestige, e que rematará en oito meses, coa chegada do 2015. Ou a confirmación da parte do flotel de Pemex que se construirá en Ferrol, pero que no mellor dos casos dará traballo a só 282 persoas durante 28 meses, cando nos últimos dous anos 3.600 empregados das auxiliares quedaron no paro.

Na marcha estaba anunciada a presenza do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, aínda que non foi visto preto da cabeza da manifestación. Si asistiron numerosos representante do PSdeG-PSOE, como Beatriz Sestayo, AGE, como Yolanda Díaz, ou BNG, como Xavier Vence.

A marcha, polas rúas do centro de Ferrol CC-BY-SA Susete
A manifestación, na praza de Armas CC-BY-SA Susete
A xestión do Goberno de Rajoy centrou as críticas dos manifestantes CC-BY-SA Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.