Dous afectados polas subordinadas de NGB gañan o xuízo contra a entidade

Manifestación de afectados polas preferentes na Coruña Dominio Público @isi_73

O Xulgado de Primeira Instancia nº 4 de A Coruña vén de notificar a súa sentenza estimando a demanda de nulidade dunha venda de obrigas subordinadas de Caixanova (oficina de Burela) en abril de 2003. O Xulgado anula o contrato de adquisición de obrigas subordinadas de 25 de abril de 2003 na contía de 50.400 €. Tendo en conta que os demandantes percebiron o 19 de xullo o 77,58% da devandita contía (39.100,32 €), por terse acollido recentemente ao mecanismo de liquidez ofertado polo Fondo de Garantía de Depósitos (FGD), a condena xudicial acada a cantidade dos 11.299,68 € restantes, incrementados cos xuros legais. O fallo condena tamén a NCG BANCO ao pagamento das custas procesuais.

A sentenza considera probado que as demandantes eran clientes minoristas cun nidio perfil conservador e aforrador e, malia ese perfil, foille comercializado un produto, coma as obrigas subordinadas, de complexo e elevado risco. A sentenza tamén desestima a excepción de caducidade interposta polo banco (máis de catro anos dende a consumación do contrato), malia se tratar dun contrato de hai máis de dez anos, determinando que a consumación nas obrigas subordinadas non se produce até que as partes agotan as súas obrigas respectivas. Esta tese segue a liña maioritaria e "determina a pouquísima prosperabilidade práctica da excepción de caducidade que adoita propór de xeito indiscriminado NGB para toda operación anterior ao 2009", comenta o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, que levou o caso.

O fallo tamén sinala que o feito de estas persoas terse acollido ao chamado mecanismo de liquidez non prexudica a acción de nulidade dos demandantes nin supoñen un recoñececemento dos demandantes da validez do contrato.

Manifestación de afectados polas preferentes na Coruña Dominio Público @isi_73

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.