"É unha folga política porque loitamos contra as políticas que nos empobrecen"

José Antonio Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia © UGT-Galicia

Convencido do éxito da folga xeral, José Antonio Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia, lembra que o paro "non debe ser só laboral, senón unha mobilización social". Cre que hai motivos de sobra para secundala e insta o Goberno do PP a que "se agarre" ás enormes protestas cidadás para "rachar coas máximas que impón a UE a a señora Merkel". "A solidariedade da que fala Alemaña é falsa e ten trampa; está facendo un tremendo negocio a costa doutros países", critica.

Como afronta UGT a próxima folga xeral?

Afrontámola con moita forza e con moitas ganas. Non aceptamos que o desemprego, a rebaixa salarial xeralizada, a exclusión social ou a eliminación dos servizos públicos sexan a única saída para esta crise. Esta é unha crise cun tremendo trasfondo ideolóxico que se ve claramente nas políticas de axuste, de recorte e de austeridade, que condenan a inmensa maioría dos cidadáns a un sacrificio insoportable e inútil. Non esquezamos que temos xa máis do 21% da poboación baixo o limiar da pobreza.

Hai máis motivos que nunca para secundar o paro?

Hai un triplo motivo. O primeiro, que todas as medidas aplicadas polo Goberno se demostran ineficaces para saír da crise. Preténdese reducir o déficit e crear novas bases para unha reactivación económica sostida, pero está claro que non se está a reducir o déficit e que para nada hai novas bases para unha reactivación económica sostida. En segundo lugar, hai motivo porque se están a atacar as bases do noso Estado de Benestar e que constitúen a columna vertebral dun sistema de benestar ao que non debería renunciar nin España nin Europa. E terceiro, hai máis que motivos porque se está a implantar todo isto a través de negociacións opacas no ámbito europeo e de medidas tomadas unilateralmente sen ningún tipo de negociación e sendo contrarias ao programa co que o PP se presentou ás eleccións xerais.

"O PP goberna de forma autoritaria e a golpe de real decreto provocando unha involución do modelo económico e social"

É unha fraude á cidadanía?

É especialmente censurable o incumprimento que fai o PP da súa palabra e do seu compromiso e o desprezo que lle ten ao diálogo. Isto de gobernar de forma autoritaria e a golpe de real decreto está a producir unha involución do noso modelo económico e social. Desprézase a vontade da maioría dos cidadáns aplicando un programa que cada día é menos oculto.

Cre que os resultados electorais en Galicia cambian algo? Supoñen un apoio ás políticas de axuste do PP?

Para nada se poden interpretar así. Efectivamente, o PP revalidou e ampliou a maioría absoluta, pero isto é tan verdade como que o 73% dos cidadáns galegos non apoiaron o PP. Nós dirixímonos a estes descontentos, pero tamén aos votantes do PP que están a sufrir as consecuencias desta crise, para que secunden a folga xeral. Hai unha inmensa maioría social en Galicia que rexeita as políticas levadas a cabo pola dereita e así o amosaron nas urnas. O aumento da abstención, dos votos nulos e dos votos en branco demostran unha desafección política da cidadanía e o que nos preocupa disto é que pode ser un caldo de cultivo para opcións máis populistas e antidemocráticas que xa xurdiron noutros países como Grecia.

"Os partidos que perderon votos deberían facer unha reflexión profunda; a desafección política pode ser un caldo de cultivo para opcións antidemocráticas"

E non desanima o resultado desde a óptica sindical?

Para nada nos desanima o resultado electoral, pero o que si temos claro é que os partidos deberían facer unha reflexión profunda sobre eles, especialmente os partidos que perderon votos, como o PP, o PSdeG e o BNG. Deberían preguntarse por que os perden e a que se debe o seu afastamento dos cidadáns.

Galicia liderou as mobilizacións contra os recortes ou da última folga xeral no Estado, prevén unha resposta semellante?

Estamos convencidos de que haberá unha resposta masiva, forte e contundente dos traballadores e estámolo comprobando todos os días nos centros de traballo. Ademais, non estamos falando só dunha folga no ámbito laboral, senón que debe ser unha mobilización de tipo social. Todas as medidas que se están a aplicar non afectan só a clase traballadora, senón ao conxunto da cidadanía. Aos traballadores aféctannos na dobre condición que temos de traballadores e de cidadáns porque perdemos o posto de traballo ou vemos como se reducen as nosas retribucións. Incluso os propios desempregados sofren recortes nas prestacións. A reforma laboral, a reforma da negociación colectiva, a suba de impostos, o deterioro dos servizos públicos... En definitiva, todas as reformas aplicadas polo Goberno están creando máis paro, pero tamén están a crear máis desconfianza no conxunto dos cidadáns. O paro provoca marxinalidade, pobreza e desigualdade e iso afecta a toda a cidadanía. De cara ao 14 de novembro, tamén é importante que a folga xeral teña o amparo da Confederación Europea de Sindicatos nunha xornada de acción e solidariedade. Por primeira vez farase nun único día e en toda Europa e estamos convencidos de que Galicia será un baluarte dentro do conxunto de mobilizacións no continente.

"Non é só unha folga laboral, senón que debe ser unha mobilización social"

Cre que o éxito da folga xeral e unha gran mobilización poderían facer reflexionar o PP sobre as políticas de recorte que está levando a cabo?

O Goberno debería agarrarse ás mobilizacións masivas para romper coas máximas da UE e da señora Merkel. O Executivo ten que deixar de ser un goberno covarde. Non aceptamos esa máxima de que non hai solidariedade sen condicionalidade. Se algún estado foi solidario, ese foi España. Alemaña comezou o seu despegue económico aló polo 2000 tamén grazas á nosa burbulla inmobiliaria, porque esta non precisaba só ladrillo, senón tamén bens e equipamentos que importabamos daquel país. Agora Alemaña continúa nunha tremenda expansión grazas ao diferencial da prima de risco. Esa solidariedade da que fala o Goberno xermano é falsa e ten trampa. Alemaña leva aforrados uns 80.000 millóns de euros desde 2008 en débeda pública grazas ao diferencial de intereses coa prima de risco respecto de España. Ata o de agora, achegou para rescate 55.000 millóns. Iso non é solidariedade porque lle está saíndo a conta e lle está a resultar un tremendo negocio a costa dos países que eles chaman periféricos. O Goberno debería rachar coa máxima que nos trata de impoñer a dereita europea.

"A solidariedade de Alemaña é falsa porque está a facer un tremendo negocio a costa dos países que chama periféricos"

Que opinión lle merece a negativa da CSI-F a apoiar a folga xeral?

Parécenos lamentable e non a entendemos. A CSI-F levaba tempo mobilizándose co resto dos sindicatos e debería ter en conta que as reformas están afectando tamén aos empregados públicos, aos funcionarios e ao persoal laboral. O Goberno acaba de aprobar un regulamento que facilita aínda máis o despido de empregados públicos. Non entendemos como un sindicato corporativo, que está practicamente só para defender os traballadores públicos, non estea neste momento co conxunto da maioría sindical deste país e de Europa.

"Unha folga política? É a política a que está a provocar este deterioro social"

Critican o que consideran unha folga política...

Paréceme lamentable que critiquen a folga por considerala política. Nós o que dicimos claramente é que é a política a que está a provocar este deterioro social que estamos sufrindo, a política é a que nos aplica esta reforma laboral, esta reforma da negociación colectiva e este deterioro dos servizos públicos e da educación ou a desaparición da dependencia. Se é iso ao que se refiren, claro que é política porque estamos a loitar contra as políticas que empobrecen os cidadáns e que nos levan á marxinalidade social. Cremos que o CSI-F debería estar apoiando esta folga, pero alá eles, eles saberán o que fan. Non sei moi ben se defenden os seus intereses ou o dos traballadores. Nós seguiremos unidos nesta maioría sindical, a que formamos UGT, CCOO e a CIG, que somos realmente os que estamos en todos os centros de traballo defendendo o conxunto dos traballadores do país.

Unha unidade que parece xa asentada, non é?

É fundamental. A unidade do movemento sindical en Galicia, España e Europa indica o grao de madurez e responsabilidade que temos as centrais neste momento. Estamos sendo capaces de afastar aquelas diferenzas que temos e sobrepoñer todo aquilo que nos une, que neste contexto é claramente moi superior ao que nos separa.

 

José Antonio Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia © UGT-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.