El País disponse a desmantelar o que queda da súa redacción galega

Redacción central de El País CC-BY-SA Comité de Empresa El País

Desmantelar o pouco que queda. Apenas dous anos despois de deixar na rúa cinco xornalistas e tres persoas do departamento administrativo o xornal El País ten a intención de recortar aínda máis esta primavera a súa redacción galega ata deixala na mínima expresión. Segundo confirman fontes do diario consultadas por Praza veñen de chegar a Galicia os plans expresados a pasada semana pola dirección da empresa en Madrid, que implican pasar a tesoira polas delegacións de Galicia, Euskadi, Andalucía e a Comunitat Valenciana, mentres que Catalunya non estaría afectada.

Dun cadro de tres persoas en plantel e arredor dunha ducia de colaboradoras e colaboradores a edición galega de El País pasaría a contar unicamente cun correspondente, como acontecía ata mediados da década pasada, que disporía unicamente cun "auxiliar", o que implica unha redución aínda maior da información elaborada fóra de Madrid. No caso do resto do resto das persoas contratadas, ofreceríaselles unha recolocación na sede central ou, no seu defecto, existiría a posibilidade do despedimento. Os e as xornalistas que realizan colaboracións periódicas quedarían, simplemente, sen traballo.

A redacción galega quedaría unicamente cun xornalista e un "auxiliar"

Mentres noutras das autonomías afectadas se vai confirmando tamén a nova, caso por exemplo de Valencia, as fontes consultadas por Praza ratifican que El País Galicia sufriría de cheo este novo golpe que chega despois do Expediente de Regulación de Emprego de 2012, cando case 150 persoas perderon o seu posto de traballo no xornal en todo o Estado. Daquela producíronse 128 despedimentos cunha indemnización de 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades, 21 prexubilacións e unha redución do 15% do salario para todo o cadro de persoal. Ademais, no caso galego, a empresa prescindiu da súa sede no centro de Santiago e os xornalistas pasaron a traballar nas instalacións da Cadena SER.

Neste escenario, os traballadores valoran o xeito de afrontar as novas medidas despois de que en 2012 o Comité de Empresa promovese unha folga de sinaturas e mais unha reprobación pública ao presidente de PRISA, Juan Luis Cebrián, quen ademais é un dos fundadores de El País e que o pasado ano, segundo datos da propia compañía, percibiu unha remuneración superior aos dous millóns de euros. No outono de 2014 PRISA acumulaba unhas perdas que superaban os 2.000 millóns de euros.

Redacción central de El País CC-BY-SA Comité de Empresa El País

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.