Empresarios de Europa e América visitan a costa galega na procura de 'gangas' inmobiliarias

Urbanización de Martinsa en Miño Dominio Público Google Maps

Galicia non sufriu a burbulla inmobiliaria na mesma medida que a costa mediterránea, por exemplo. Pero son centos as vivendas e urbanizacións baleiras na procura de compradores e que no non atopan interesados no chamado mercado interno, á espera de que os prezos baixen moito máis do que xa o fixeron. E as promotoras e entidades bancarias están moi necesitadas de colocar esas casas. En Grecia falouse da posibilidade de que investidores alemáns se fixesen con algunhas das illas do Mar Exeo. A costa galega está en venda e neste momento aqueles que queiran investir en propiedades inmobiliarias poden atopar algunhas a prezos moi reducidos.

Hai unhas semanas creábase a Asociación Comercial Inmobiliaria Gallega en Exterior, ACIGEX, que nacía como resposta á escasa demanda de vivenda no mercado local. Polo de agora a asociación está composta por Urban, Maexpa, Dovasa, Xesterreo e Montemar. A ACIGEX comezou a organizar misións inversas co obxectivo de "que o mercado estranxeiro descobra o potencial de investimento que existe en Galicia, dados os baixos prezos dos inmobles e a calidade turística diferenciada da comunidade". A intención é buscar novos clientes para máis de 1.000 vivendas unifamiliares e ACIGEX asegura que "esta actividade suporá un incremento de máis de catro mil turistas estables para a nosa Comunidade, cun poder adquisitivo medio e alto". Estas accións contan coa colaboración da Xunta a través do IGAPE. 

Promotores do Reino Unido, Bélxica e Francia están percorrendo distintas vivendas e urbanizacións na primeira liña da costa en Ares, A Coruña, Ribeira, A Illa, A Toxa, O Grove, Sanxenxo, Vigo e Baiona

Na primeira destas misións un grupo de empresarios norteamericanos visitou a costa galega. E na segunda, que se está desenvolvendo estes días, son promotores do Reino Unido, Bélxica e Francia os que están percorrendo distintas vivendas e urbanizacións na primeira liña da costa en Ares, A Coruña, Ribeira, A Illa, A Toxa, O Grove, Sanxenxo, Vigo e Baiona. As viaxes inclúen tamén visitas turisticas en Santiago de Compostela, á catedral, ao Códice o xantares e ceas con "gastronomía típica".

Urbanización de Martinsa en Miño Dominio Público Google Maps
Vivendas en construción © Capeco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.