Enrique Negueruela abandona a Executiva do PSdeG en desacordo coa política de emprego do partido

Enrique Negueruela, secretario de Economía da Executiva do PSdeG © PSdeG

Enrique Negueruela abandona a Comisión Executiva Nacional do PSdeG-PSOE, na que era Secretario de Economía en desacordo coa política de emprego do partido. Negueruela critica as emendas aos Orzamentos que a formación presentou neste eido e sinala que significan "un xiro de 180 graos" co defendido até agora e co anunciado no programa electoral, priorizando a área de benestar sobre as políticas de emprego: "estas emendas supoñen un xiro en relación coa liña política de emprego aprobada no último Congreso, tanto na reivindicación da necesidade de máis investimento en políticas activas como no propio contido das políticas a desenvolver". A súa crítica céntrase tamén en que as emendas incorporan graves erros técnicos que non foron subsanados a pesar de que en reiteradas ocasións o fixo notar.

Negueruela critica as emendas aos Orzamentos que a formación presentou neste eido e sinala que significan "un xiro de 180 graos" co defendido até agora e co anunciado no programa electoral, priorizando a área de benestar sobre as políticas de emprego

Negueruela anúncialle a Pachi Vázquez a súa dimisión a través dunha carta na que detalla as súas críticas ás emendas socialistas aos Orzamentos. Afirma que algunha das emendas propón desviar "12.587.000 euros, o 34% dos orzamentos destinados á formación de desempregados, a diferentes construcións e actuacións da área de benestar, sen entender que son fondos finalistas e proveñen das cotas de formación profesional polo que tecnicamente esas emendas son inviables e politicamente inaceptables". Tamén advirte que "desaparecen das emendas todas as liñas de traballo en materia de emprego aprobadas no último congreso" como por exemplo os itinerarios personalizados de inserción.

Fai notar igualmente que o partido prioriza as solucións locais sobre as globais. E que por exemplo nas emendas do PSdeG "as contías (5.000.000€) destinadas aos plans de emprego de mulleres, 138.592 mulleres paradas, mozos e mozas, 21.383 demandantes de emprego, ou parados de longa duración, 109.574 persoas, serían inferiores ás do Plan de Emprego de Vigo (5.500.000€), que conta con 33.422 parados e soamente o triplo das de Bergantiños con 8.086 desempregados".

En definitiva Negueruela conclúe que as emendas presentadas finalmente polo PSdeG-PSOE supoñen "un xiro de 180 graos" co defendido até agora e significan unha aposta por unha politica semellante á proposta polo Partido Popular en materia de emprego.

Enrique Negueruela, secretario de Economía da Executiva do PSdeG © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.