Entra en concurso Isolux Corsán, investigada por suborno no AVE galego

O persoal de T-Solar, promovida por Isolux Corsán, nunha manifestación contra o seu peche Dominio Público Praza Pública

O Boletín Oficial del Estado deste martes publicou a entrada en concurso voluntario de acredores do grupo Isolux Corsán, que chegou a ser a sétima construtora de España (tras ACS, Acciona, FCC, Ferrovial, Sacyr e OHL), a primeira non cotizada en Bolsa. Isolux Corsán está sendo investigada por suborno no AVE galego e pesa sobre ela un expediente da Comisión Nacional de Mercados e Competencia (CNMC) por sospeitas de estar implicada xunto a outras 24 construtoras nunha rede de reparto de contratos da alta velocidade en toda España. Segundo informa o propio grupo, as empresas afectadas polo concurso suman un total de 1.992 traballadores, dos 1.108 traballan en España, e acumulan unha débeda con provedores de 405 millóns de euros. O endebedamento financeiro total do grupo, incluídas as empresas que non entran en concurso, ascendía segundo a propia firma a finais de abril a 1.270 millóns de euros.

A sétima construtora de España recibiu en Galicia ducias de millóns en contratos públicos e subvencións para proxectos enerxéticos frustrados

Malia que o concurso de acredores vén de ser formalizado agora, hai tempo que a situación de Isolux Corsán comezou a ser un problema tamén en Galicia. A comezos de 2015 a Xunta adxudicoulle por 2,3 millóns de euros a construción dun novo centro de saúde en Gondomar. Porén, uns meses despois de iniciar os traballos, parou a obra xa por problemas económicos e o Goberno galego tivo que volver a licitala cunha notable demora sobre os prazos prometidos.

Isolux Corán foi adxudicataria en Galicia nos últimos anos de diversos contratos significativos de obras públicas tanto da Xunta como do Goberno central e con executivos á fronte tanto do PP como do PSOE. Aínda en 2015 obtivo, xunto con Arias Infraestructuras, un contrato de 24 millóns de euros, dos que lle correspondían a metade, para executar unha galería de protección de tubaxes no dique do porto exterior da Coruña. E en 2013, segundo os datos da Federación Gallega de la Construcción, a empresa foi adxudicataria en Galicia de contratos tanto da Xunta como do Estado por importe superior aos 25 millóns de euros.

A Xustiza investiga o treito Ourense-Amoeiro do AVE Ourense-Santiago no que presuntamente se utilizou un formigón de inferior calidade

Pero foron as obras do AVE as que proporcionaron a Isolux Corsán os seus maiores contratos en Galicia e tamén os problemas. Unha denuncia sobre irregularidades nunha obra do AVE en Barcelona realizada entre 2008 e 2011 levou á Xustiza a destapar unha presunta trama de subornos estendida por toda España. Os investigadores atribúen á empresa o regalo de viaxes de pracer a responsables de Adif a cambio de que validasen como realizadas obras que non se executaran ou feitas con materiais ou técnicas de inferior calidade. Entre esas obras inclúese o treito Ourense-Amoeiro da liña de AVE Ourense-Santiago, que foi adxudicado a Isolux Corsán en 2003 por 115 millóns de euros. Segundo informou El País, a empresa soubo que “un tipo de formigón” empregado na obra “non ofrecía a resistencia necesaria para o encofrado”, pero aínda así evitou revisar a obra.

A empresa gañou en 2012 o contrato con maior rebaixa, un 38%, de toda a liña do AVE entre Ourense e a Meseta

En 2012 a empresa tamén foi adxudicataria doutro treito, o da vía dereita do túnel do Corno, en Laza, no treito do AVE entre Ourense e Zamora. A obra fora licitada por 143,2 millóns e Isolux Corsán, en sociedade (UTE) con Taboada y Ramos, lograron a adxudicación grazas a ofrecer unha rebaixa do 38% sobre o prezo de partida, ata os 88,4 millóns, a maior baixa de todas as obras no macizo central ourensán.

Xunto coa antedita investigación xudicial, a empresa tamén está incluída no listado de 25 grandes construtoras aos que a Comisión Nacional de Mercados e Competencia (CNMC) abriu o pasado xuño un expediente por sospeitas de que se estaban a repartir  licitacións para a construción e mantemento de infraestruturas de alta velocidade.

O grupo diversificouse cara o sector enerxético, onde obtivo importantes subvencións públicas en Galicia con proxectos logo frustrados como a planta de T-Solar en Ourense ou a de biodiésel no porto de Ferrol

O concurso de acredores agora feito oficial afecta a sete entidades do grupo: Grupo Isolux Corsán, Corsán Corviam Construcción, Isolux Ingeniería, Grupo Isolux Corsán Concesiones, Isolux Corsán Servicios, Isolux Corsán Inmobiliaria e Isolux Energy Investments. Unha diversificación do grupo que fixo que entrase tamén no sector enerxético, no que tamén obtivo importantes subvencións públicas en Galicia, ademais de impulsar varios parques eólicos.

O grupo Isolux Corsán foi o impulsor de T-Solar, unha fábrica de paneis solares en San Cibrao das Viñas, que recibiu varias ducias de millóns de euros de fondos públicos tanto co bipartito como co PP e que acabou pechando. Tampouco frutificou outro dos proxectos do grupo nese mesmo sector enerxético, a planta de biodiésel que a través de Infinita Renovables impulsou no porto de Ferrol e previamente tentara instalar no porto seco de Salvaterra-As Neves, con presións daquela do PP ao bipartito para que facilitase á empresa os terreos necesarios.

Imaxe da construción en 2008 por Isolux Corsán dun viaduto do AVE no tramo Ourense-Amoeiro, baixo investigación xudicial Dominio Público Adif

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.