Equo pide a reconversión da fábrica de armas para evitar a perda de postos de traballo

Cabeceira da manifestación pola Fábrica de Armas CC-BY-NC CIG

Equo A Coruña, ante o anuncio da empresa General Dynamics de pechar a súa actividade o 30 de abril, expresa a súa oposición a este peche sen alternativa para os 172 traballadores. Para a formación ecoloxista o peche de Santa Bárbara "ten dúas vertentes: Por un lado, a positiva de que se remate cunha actividade execrable que lucra a uns poucos a cambio de promover a violencia e favorecer as guerras. Por outro, a negativa, que fala das persoas que quedan sen o seu posto de traballo e, en moitos casos, sen forma de subsistencia".

Defende a reconversión de Santa Bárbara noutro tipo de actividade "que promova a actividade industrial en consonancia co medio ambiente, xa que a xestión dos procesos industriais debe facerse introducindo criterios ecolóxicos que teñan como consecuencia unha sostibilidade real da actividade produtiva"

Equo lembra que "neste país pérdense empregos a un ritmo desproporcionado debido, entre outras cousas, á promoción da actividade especulativa en lugar de basear a nosa economía na actividade produtiva" e defende unha modificación desta tendencia "cara a utilización dos recursos que temos dunha maneira que xere riqueza non só para uns poucos, senón para o conxunto da cidadanía".

Equo A Coruña defende a reconversión de Santa Bárbara noutro tipo de actividade "que promova a actividade industrial en consonancia co medio ambiente, xa que a xestión dos procesos industriais debe facerse introducindo criterios ecolóxicos que teñan como consecuencia unha sostibilidade real da actividade produtiva". Con este obxectivo, Equo A Coruña espera que as autoridades correspondentes, neste caso o Concello da Coruña e a Xunta
de Galicia, "tomen cartas no asunto e, mediante os mecanismos adecuados, planifiquen unha adecuada reconversión da fábrica de armas que impida a perda de máis postos de traballo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.