Erimsa solicita extraer cuarzo doutras 1.160 hectáreas de uso agrícola en Frades tras autorizarlle a Xunta 200 en Mesía hai un ano

Parcela tipo sobre a que actuaría o proxecto de Erimsa en Frades incluída na documentación do seu proxecto © Erimsa

A empresa di que só actuará previo acordo cos propietarios, aos que alugará ou mercará as terras, e a un ritmo co que ocupará 39 hectáreas cada ano durante 30 anos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este mércores o sometemento a información pública dunha nova solicitude de explotación mineira por parte de Erimsa, empresa que xa recibiu hai un ano autorización do Goberno galego para extraer cuarzo de 200 hectáreas de uso agrícola en Mesía. Desta volta solicita autorización para facer o mesmo en 1.161,92 hectáreas de Frades, nas proximidades da zona na que a empresa xa opera unha canteira convencional.

Esquema do procedemento de cribado para a obtención do cuarzo no proxecto que agora somete a información pública Erimsa © Erimsa

Como no caso de Mesía, a empresa di comprometerse a actuar só previo acordo cos propietarios das parcelas abarcadas polo seu proxecto, que mercará ou alugará para despois devolvelas novamente en condicións de explotación agrogandeira tras extraer delas o cuarzo mediante procedementos de cribado da terra. O proxecto que agora se somete a exposición pública recolle xa varios dos condicionantes que a Xunta lle puxo cando autorizou o anterior en Mesía. 

“O terreo se devolve ao seu uso tradicional, limpo de cantos e listo para poder destinarse de novo ao seu uso anterior”, asegura a empresa

Segundo o documento, a zona a explotar abarca as anteditas 1.161,92 hectáreas, das que 282,15 están en zonas de policía de augas e 879,77 fóra delas, quedando á marxe espazos con hábitats ambientais protexidos. A empresa prevé actuar sobre todo ese ámbito a un ritmo medio dunhas 39 hectáreas ao ano durante 30 anos, superficie sobre a que di que traballará en sub-zonas “da orde de 12 hectáreas, aínda que a secuencia de explotación é moi inferior (200-300 metros cadrados), que se van restaurando conforme se explotan”. 

Descripción do procedemento de explotación de Erimsa © Erimsa

A empresa cuantifica en 8 os novos postos de traballo que creará

A propia empresa cuantifica en 8 os novos postos de traballo que creará o seu proxecto e asegura que tras retirar de cada parcela o cuarzo que atope “o terreo se devolve ao seu uso tradicional, limpo de cantos e listo para poder destinarse de novo ao seu uso anterior”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.